SmartPEME achegou máis de 2.000 atencións a case medio milleiro de empresas

venres, 19 de abril do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do presidente Luis López, fixo balance da actividade recente xerada polo programa de formación tecnolóxica SmartPEME, co que a institución provincial quere contribuír á transformación dixital de pequenas e medianas empresas e persoas autónomas. Segundo fixo saber, SmartPÉME achegou máis 2.000 atencións a preto de 500 emprendedoras/es da provincia desde o inicio do segundo semestre do 2023 ata o presente.
Estas cifras, sinalou, son “unha mostra do compromiso da Deputación co crecemento empresarial e desenvolvemento económico do seu territorio”.
Fíxoo na gala de entrega da 13ª edición do Premio Xove Empresario e Iniciativa Emprendedora que organizou a Asociación de Empresarios Novos (AJE) de Galicia este xoves no Pazo de Colón en Poio. “O sector empresarial constitúe un motor vital para a nosa economía e o noso emprego. Para a Deputación, a colaboración co sector privado é moito máis ca unha liña estratéxica, é cumprir co noso deber”, afirmou o mandatario provincial, despois de entregar un dos galardóns.
López repasou as cifras deste programa que, desde a súa toma de posesión como presidente da Deputación, rexistrou case 2.200 asistencias a 481 empresas da provincia, organizou 91 obradoiros nos que participaron 1.500 empresarios ou as aceleradoras nas que participaron 29 empresas. Un programa específico que se complementa con outros proxectos como o +Provincia ou o Plan de Infraestruturas Deportivas nos que tamén “participa o tecido empresarial”.

PUBLICIDADE