500 estudantes participaron na VII edición da competición de autómatas da UVigo

luns, 22 de abril do 2024 S. P.

Medio milleiro de estudantes das catro provincias galegas, divididos en preto de 100 equipos, participaron finalmente na VII edición da Competición de Robots que este venres 19 de abril acolleu a Escola de Enxeñaría Industrial.
A competición dividiuse en dúas categorías, Be Robot para alumnado de ESO e Bacharelato, e DeMO Robot, dirixida a estudantes de graos superiores, centros de formación profesional e outros interesados, xa que a participación estaba aberta a calquera persoa.
Ademais de crear vínculos co alumando preuniversitario e fomentar os estudos STEM, con esta competición tamén se promoveu a autoaprendizaxe no deseño, a construción e a programación de robots autónomos, así como a estimulación, atracción e desenvolvemento do talento habilitador ante os novos retos da industria do futuro.
En total, participaron na competición 500 alumnos e alumnas repartidos en 97 equipos, a maioría (87) na categoría Be Robot e outros 10 en Demo Robot. Dende a organización destacaron aumento de centros educativos inscritos con respecto a edicións anteriores e a maior diversidade na súa orixe. Así, este ano inscribíronse 28 centros educativos, case un terzo dos cales proceden de localidades das provincias da Coruña, Lugo ou Ourense.
Nesta edición implementáronse algunhas novidades para facer máis atractiva a competición, como por exemplo, novos tapices con modificacións nos percorridos e obstáculos. En concreto, na categoría Demo Robot estreouse un circuíto cun trazado totalmente novo e un labirinto de maior complexidade, sendo ademais un labirinto modular capaz de presentar diferentes alternativas.
Ademais, as e os participantes tamén contaron cun kit mellorado, o mBot 2, un robot educativo de última xeración impulsado por CyberPi, un microcontrolador educativo mellorado con capacidades de conexión en rede, sensores integrados, etc.
No referido á competición, na categoría B-Robot, os equipos tiveron que medirse en dúas probas, Sigue a liña marchoso, que consistiu en completar un circuíto con obstáculos e lombos no menor tempo posible, e Velódromo Mareante, que requiriu dar tres voltas tamén no menor tempo. Na categoría DeMO Robot, as e os participantes enfrontáronse a catros probas, unha de rastrexo, outra de labirinto, outra con obstáculos e unha final de sumo que consistía en sacar ao resto dos robots rivais do tapiz.
Respecto dos premios tamén houbo novidades, xa que non só se distinguiron os tres mellores equipos de cada categoría que acadaron mellor puntuación, tanto polos resultados como pola orixinalidade, senón que tamén se recoñeceu o traballo dos centros. Resultaron gañadores na categoría Be Robot (1º e 2º da ESO) o IES O Castro, co primeiro e segundo premio, e o IES Pedregal de Irimia, co terceiro. Nesta mesma categoría, para 3º e 4º da ESO, o primeiro e o terceiro premio foron para IES de Pastoriza, mentres que o segundo foi para IES de Brión. En 1º e 2º de Bacharelato, os gañadores foron Sirenas del Amazonas, do IES San Tomé de Freixeiro; o segundo premio para Choques de coche, do mesmo instituto e o terceiro para Game Over 1, do IES A Basella.
No que atinxe á categoría DeMO Robot, o equipo gañador foi Los Meta-Robotics (Infernales), do CPR Liceo La Paz; os segundos clasificados foron Os Tunantes, da EE Industrial e os terceiros, Los Reyes de Río, tamén CPR Liceo La Paz. Finalmente, o premio á orixinalidade foi para o Illa1, do IES da Illa de Arousa e o premio STEM outorgóuselle a Las robóticas, do IES San Tomé de Freixeiro.

PUBLICIDADE