2016 traerá seis novas canles á grella da TDT

venres, 8 de xaneiro do 2016 Redacción

Co inicio de 2016 imos ter novas canles na grella da TDT. Máis polo miúdo antes de que chegue abril deberán ficar operativas media ducia de novas licenzas de televisión dixital. Destas seis canles, xa comezaron a emitir algunhas de xeito íntegro (Atreseries, que encetou a súa andaina o 22 de decembro, achegando series españolas e internacionais) ou parcial (10 e 9Kiss TV, que lanzaron cadanseus vídeos de promoción). Ademais, o servizo Netflix, do cuxo lanzamento global falamos estes días en Código Cero, irrompe con forza na televisión de pago, tal e como fixemos saber en outubro salientando o seu interesante prezo de partida (de 7,99 euros ao mes para arriba) e as comodidades multiplataforma que pon en xogo (Smart TV, PlayStation, Xbox, Chromecast, Apple TV, reprodutores Blu-ray, iPhone, iPad, dispositivos con Android, móbiles con Windows Phone e ordenadores persoais).
Como dixemos, entre as novidades deste ano en materia de TDT atópanse, amais de Atreseries, dúas achegas que xa comezaron a súa andaina promocional. Trátase por unha banda de 9KissTV, que vén da man de Kiss Media e que fornecerá contidos para “un público feminino mozo” e, por outra banda, de 10, unha cadea posta polo Grupo Secuoya e que terá unha vertente claramente familiar achegando contidos de lecer e ficción. Ámbalas cadeas emiten xa en probas. A estas novidades cómpre sumar 13TV, Real Madrid TV, unha canle a maiores adxudicada a Mediaset e, xa no ámbito da televisión de pago, España Netflix e unha nova achega de Movistar+ que se coñece como #0 e que se encamiña a captar sobre todo público novo.

PUBLICIDADE