As escolas náuticas de Ferrol e Vigo formarán futuros oficiais de ponte a través da Internet

mércores, 27 de marzo do 2024 Redacción

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar anuncia que, por primeira vez, se van a impartir dous cursos de aumento de atribucións de patrón costeiro polivalente a través da modalidade de teleformación, permitindo ás persoas co título de patrón costeiro polivalente ampliar as súas atribucións como primeiro oficial de ponte.
Os 31 alumnos matriculados serán titorizados polo profesorado da Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol (14 persoas) e do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo (17 persoas). Tamén se ofertou este curso na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira, pero non se realizará neste centro debido a que soamente se matricularon 2 persoas, das que unha delas optou por facelo en Vigo e a outra en Ferrol.
Os cursos teñen unha duración de 80 horas e realizaranse do 8 de abril ao 31 de maio de 2024, sendo a primeira vez que se fan na modalidade de teleformación en Galicia. As persoas terán que superar o curso para poder presentarse a avaliación final que será presencial no centro de ensino onde realizaron a matrícula virtual.
Esta actuación formativa consta de módulos como o de navegación:, que se estenderá 14 horas; Meteoroloxía, con 8 horas; Comunicación, 6 horas; Salvamento durante 4 horas; pesca responsable, con dez; a de lingua inglesa é a que máis tempo acumula, con 30 horas; e para a avaliación da competencia dedicaranse 8 horas.

Novas ferramentas de e-learning

Noutro exemplo do aproveitamento das posibilidades que ofrece a Rede, desde Desenvolvemento Pesqueiro elaborouse un manual dixital de patrón local de pesca, sección de máquinas e sección de ponte e común, que ten como obxecto mellorar, automatizar e facer máis eficaces os procesos formativos.
O manual ten formato RISE, que supón unha dixitalización dos contidos e ademais proporciona unha serie de vantaxes respecto ao manual en formato estático en documento PDF. Deste xeito as persoas interesadas poderán consultar os contidos, permitindo a interactividade dos alumnos e un dinamismo que non permite o formato pdf.
O manual funcionará de forma similar a un curso de e-learning, aportando tamén información sobre a interactividade das persoas que o consultan: número de alumnos, tempos de conexión ou o alumnado que remata a consulta do manual. Este instalarase na páxina web da Consellería do Mar e estará visible para todas aquelas persoas que queiran consultalo.

PUBLICIDADE