28 millóns de euros máis para os préstamos do Plan Avanza2

mércores, 30 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

O Consello de Ministros de vén de aprobar unha nova achega ao financiamento do Plan Avanza2, unha iniciativa encamiñada en termos xerais a promover o uso da Rede e as ferramentas dixitais entre as empresas españolas e a sociedade por enteiro. Segundo sinala o Ministerio de Industria, o devandito plan será obxecto dunha transferencia de 28,3 millóns de euros. Esta, máis concretamente, beneficiará á liña de financiamento ICO inserida na devandita iniciativa, un programa cuxo obxectivo é potenciar e dinamizar os investimentos en TICs mediante a concesión de préstamos a cidadáns e empresas. Deste xeito, sinálase, o importe total da liña, que dende a súa posta en funcionamento axudou a máis de 97.000 empresas e 200.000 cidadáns, ascende a 1.760,70 millóns de euros.
Sinalar que este programa de apoio inserido no Plan Avanza xurdiu dun acordo asinado en xullo de 2006 polo Ministerio de Industria e o Instituto de Crédito Oficial (ICO) para a concesión de empréstitos ao cero por cento de interese para a compra de equipamento informático e conectividade á Rede. Os destinatarios destas axudas distribúense en tres grandes grupos á hora de percibilas: Préstamo TIC, Préstamo Xoves e Universitarios e Préstamo Cidadanía Dixital, todos eles con iguais condicións financeiras en relación ao tipo de interese.

PUBLICIDADE