Seresco factura 42 millóns e eleva os seus ingresos un 23%

xoves, 25 de abril do 2024 S. P.

Seresco, compañía española especializada en solucións tecnolóxicas e transformación dixital, fixo balance da súa actividade en 2023, un reconto no que destaca unha cifra de facturación, de 42 millóns de euros, que supón un incremento do 23% respecto ao exercicio previo. “Este aumento débese a un crecemento exponencial da facturación obtida polas áreas de negocio”, informou Seresco, que ten forte presenza no mercado galego (recentemente celebrou os seus 50 anos de actividade vencellada a Galicia).
No informe faise saber que o incremento dos ingresos e un menor gasto financeiro permitiron á cotizada alcanzar os 2,1 millóns de euros de beneficios, aumentando un 14% respecto ao exercicio anterior. Igualmente, o EBITDA axustado elevouse ata os 5 millóns de euros, e o cociente de débeda financeira/EBITDA mantívose nun axustado 1,52x, o que se corresponde coas estimacións previstas pola organización para este exercicio.
No reconto de cifras sinálase tamén que por áreas de negocio, o segmento de nómina e recursos humanos rexistrou un incremento do 29% respecto ao ano anterior e continúa sendo “a área de actividade con maior volume de facturación, representando un terzo do total, seguido pola área de Infraestruturas e Sistemas, Consultoría e Software e Servizos de Transformación Dixital para empresas e administracións públicas”. Pola súa banda, a área de Cartografía e Catastro incrementou o volume de negocio nun 97% respecto ao exercicio previo, ata alcanzar os 3,9 millóns de euros, como consecuencia da actividade internacional que Seresco ten en países de Latinoamérica como Colombia ou Perú, país onde a área obtivo un contrato por valor de 15,7 millóns de dólares.
“Este é o noso segundo exercicio como empresa cotizada e do mesmo xeito que o pasado ano, o balance é moi positivo. A compañía facturou 42 millóns de euros, o que se traduce nun aumento do 23% respecto ao exercicio anterior, produto dunha mellora xeneralizada das áreas e sen ter en conta o reflexo na cifra de negocio de adquisicións como ELO-SI ou CIES, que aumentasen esta cifra ata os 46 millóns de euros”, apunta Carlos Suárez, conselleiro delegado de Seresco.

PUBLICIDADE