9 empresas de Ineo recibirán cadanseus certificados ISO

xoves, 15 de xullo do 2010 Raquel Noya

O auditorio da Zona Franca de Bouzas, en Vigo, dará acollida hoxe á entrega dos certificados de ISO 20000 e ISO 27001 relacionados cos sistemas de seguridade da información a 9 empresas pertencentes á asociación Ineo, unha entidade referente no sector das novas tecnoloxías do noso país que concentra os seus esforzos en levar ao empresariado galego de máis de 80 empresas a competir nunha economía global, fomentando a innovación nos seus negocios a partir do emprego das TIC.
O acto de entrega contará coa presenza de Jorge Cebreiros Arce, director de Ineo e co delegado de Galicia de EQA, Javier López, quen fará entrega de cadanseus certificados ISO 20000 e ISO 27001 ás empresas de Ineo que mellor optimizaron os seus sistemas de seguridade da información nos últimos anos.
O Certificado ISO 20000 é unha norma que describe un conxunto integrado de procesos e un enfoque de xestión para a provisión efectiva de servizos de TI a clientes internos ou externos; mentres que a ISO 27001, é unha norma que desenvolve un modelo para o establecemento, implementación e mellora dun Sistema de Xestión de Seguridade da Información en calquera tipo de organización.
A European Quality Assurance (EQA), a encargada de certificar a actividade destas empresas, é unha entidade de Certificación de Sistemas de Xestión, Verificación Medioambiental, Marcado CE (Directiva de produtos da construcción) e Proxectos e Xestión de I+D+i, fundada en Gran Bretaña no 1993.

PUBLICIDADE