30.000 euros por publicar na Internet vídeos pornográficos da súa ex-moza

martes, 7 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Un mozo de 23 anos aceptou pagar 30.000 euros de indemnización por publicar na Internet vídeos pornográficos da súa ex-moza, para evitar ter que enfrontarse a un xuízo en Sevilla no que a Fiscalía pedía para el 4 anos e 3 meses de cadea por un delito de revelación de segredos.
Os feitos denunciados inicialmente partiran da gravación voluntaria de vídeos da moza espida e practicando o sexo, pero trala rotura da parella, o acusado decidiu publicar as imaxes na Internet a xeito de vinganza, e mesmo as remitiu á nova parella da rapaza.
Os vídeos difundíranse a través de páxinas web e do eMule, pero ao chegar a un acordo económico, a denunciante retirou as accións penais, polo que o acusado non se enfrontará á cadea (aínda que a indemnización para a vítima pasou dos 6.000 euros que pedía a fiscalía aos 30.000 que pagou o acusado).

PUBLICIDADE