O Servizo de Contratación Administrativa da UDC coñeceu as instalacións do CITIC

mércores, 17 de abril do 2024 S. P.

Este martes 16 de abril o equipo de Contratación Administrativa da Universidade da Coruña visitou no Campus de Elviña as instalacións do CITIC, o Centro de Investigación TIC da UDC. O grupo tivo ocasión de coñecer as infraestruturas tecnolóxicas que están ao dispor do persoal investigador. A visita comezou na Sala Cloud, onde se realizou unha presentación sobre o funcionamento do CITIC e visualizaron o vídeo corporativo.
Tralo devandito, continuaron no Demostrador Tecnolóxico. Alí, as voluntarias probaron as lentes de Realidade Aumentada, que mediante tecnoloxía holográfica permiten a interacción entre elementos dixitais e elementos reais.
Tamén puideron coñecer a Robobo, o robot deseñado para educación, e outros artigos expostos, como o pluviómetro desenvolvido por investigadores do centro. Amais, puxeron en funcionamento o robot humanoide NAO, programábel e autónomo, capaz de facer unha demostración de tai-chi ou de bailar.
A continuación, no Laboratorio de Impresión 3D coñeceron o funcionamento das impresoras e os materiais que se utilizan para os deseños. Antes de chegar á Sala de Realidade Virtual, onde habitualmente finaliza o percorrido, entraron no Centro de Procesado de Datos (CPD), formado por servidores físicos nos cales preparouse un sistema de virtualización para poder ofrecer máquinas virtuais a todos os investigadores que as necesiten.
Para terminar, mediante a plataforma Omni One e as lentes de Realidade Virtual, probaron o supermercado virtual deseñado polo investigador Manuel Lagos. Nel, o usuario ou usuaria debe completar unha lista da compra; o seu obxectivo é axudar na rehabilitación de persoas con algún tipo de dificultade motora.

PUBLICIDADE