20minutos.es propón a celebración dun debate na Internet entre Zapatero e Rajoy

mércores, 9 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

O xornal dixital 20minutos.es (terceiro medio xeralista on-line en España) pediu oficialmente ó PSOE e ó PP que os seus respectivos candidatos á presidencia do Goberno realicen na Internet un debate aberto a tódolos medios en liña complementando así ós 2 debates televisivos xa acordados polos partidos.
Esta iniciativa sería revolucionaria en España, e seguiría os pasos doutras semellantes nos EE.UU., como a colaboración entre YouTube e a CNN para os debates nas eleccións primarias norteamericanas, e xa conta con numerosos apoios, pois ata o momento xa amosaron o seu interese en participar no potencial debate Terra (transmitiría o debate a través de TerraTV), Twitter (que porían unha plataforma para que os internautas puidesen remitir preguntas ós políticos), TV3, La Vanguardia, Público, El Periódico de Catalunya, Canarias 7, Bottup, 2alcuadrado e numerosos blogs.
Esta proposta sería moi interesante para situar a política española na Internet dun xeito decisivo, que consolidaría o uso das TIC por parte dos partidos políticos, que non dubidan en achegarse a YouTube, a Facebook ou a programas de televisión coma Tengo una pregunta para usted, polo que a oportunidade dun debate 2.0 non se debería deixar pasar.

PUBLICIDADE