A nova convocatoria do itinerario de consolidación de BFAero ten o prazo aberto até o 14 de maio

venres, 26 de abril do 2024 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) lanzou esta tempada unha nova edición do itinerario de consolidación do Business Factory Aero (BFAero), programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola dita axencia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo. A nova convocatoria estará aberta até o 14 de maio. Poden acceder empresas de até 7 anos de antigüidade cunha proposta innovadora, especialmente no segmento das tecnoloxías UAV (siglas de vehículos non tripulados).
Máis de 400 proxectos de 26 países
Máis de 400 proxectos de 26 países presentaron a súa candidatura ás convocatorias realizadas nas cinco edicións da Business Factory Aero, das cales foron apoiados 42 proxectos empresariais, que teñen xerado 180 empregos cualificados e un volume de negocio conxunto que se aproxima aos 7 M€. En concreto, 15 obtiveron apoio en itinerario de incubación, 21 en aceleración e 6 en consolidación, ás que se sumarán as tres que se seleccionarán nesta nova convocatoria.
Os proxectos das cinco primeiras edicións da BFAero, que ten a súa sede central en Lugo, xeraron 182 empregos; mobilizaron un investimento de 2,78 M€ (propio, de XesGalicia e de investidores externos); e rexistraron unha facturación conxunta de 6,54 M€ desde o inicio do programa en 2019. Catro delas obtiveron a certificación ENISA (Acre, Aguia, Anduriña e Proteus).
Por certo que os días pasados a iniciativa acadou o importante fito de ter sido escollida pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas.
Até o 14 de maio
A nova convocatoria do itinerario de consolidación da BFAero, na que se seleccionarán tres novos proxectos, estará aberta até mediados do mes vindeiro. Máis concretamente, a ex-directora de GAIN, Patricia Argerey, recordou estes días que ata o 14 de maio ás 14:00 horas, empresas de ata 7 anos de antigüidade cunha proposta innovadora, especialmente no segmento das tecnoloxías de sistemas non tripulados, poden presentar a súa candidatura na súa páxina web, onde tamén poden consultarse as bases da convocatoria.
As tres empresas que resulten seleccionadas beneficiaranse dun completo programa de apoio de seis meses de duración que contempla a mentoría por parte de profesionais e empresas do sector, como Airbus, Avincis e Telespazio; a formación, a asistencia a feiras especializadas, apoio económico de ata 30.000 euros en axudas, acceso ás infraestruturas e servizos do ecosistema aeroespacial de Galicia cun bono de ata 10.000 euros, e financiamento de ata 250.000 euros de Xesgalicia.
Ademais, Argerey salientou que as empresas seleccionadas terán a oportunidade de conectar con outros emprendedores, institucións e potenciais investidores coa súa incorporación ao ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia, do que xa forman parte máis de 100 axentes, unha oportunidade única para fomentar a colaboración e o intercambio de ideas.

PUBLICIDADE