O investigador Jorge Parra, distinguido co I Premio atlanTTic á Mellor Tese Doutoral

xoves, 2 de maio do 2024 S. P.

O investigador da Universidad Politécnica de Valencia Jorge Parra Gómez, autor dunha tese de doutoramento sobre unha nova xeración de dispositivos fotónicos, resultou o gañador do 1º premio atlanTTic á mellor tese de doutoramento no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación realizada en España no ano 2022.
O galardón, convocado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo xunto á sección española do IEEE, Institute of Electrical and Electronics Engineers, buscaba a mellor tese de doutoramento a nivel nacional no devandito ámbito así como render homenaxe a Manuel Ramos e Fernando Isasi, ambos docentes da EE de Telecomunicación e investigadores de atlanTTic, falecidos en maio de 2022, no caso de Ramos, e en agosto de 2023, no de Isasi.
A entrega do galardón celebrouse na sala Manolo Ramos do edificio Ernestina Otero, e contou coa participación do reitor Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o director de atlanTTic, Martín Llamas, e a subdirectora do centro, Yolanda Blanco, quen lle deron os seus parabéns ao gañador do premio por un traballo “que é símbolo de modernidade”, tal e como lle recalcou o reitor, que salientou que esta investigación “pon de manifesto que o sistema que temos en España de ciencia e tecnoloxía é absolutamente homologábel aos mellores do mundo”.
Tal e como explicou Parra durante o acto, a súa tese céntrase no “desenvolvemento dunha nova xeración de dispositivos fotónicos esenciais para aplicacións en comunicacións ópticas, computación avanzada, vehículos autónomos e procesamento cuántico da información, entre outros”. O obxectivo desta investigación foi “deseñar, fabricar e demostrar experimentalmente dispositivos innovadores, incluíndo dispositivos con efecto memoria, desfasadores e dispositivos con non linealidade óptica”. Os principais resultados amosan avances significativos en miniaturización, capacidade de integración, eficiencia enerxética e ancho de banda, ofrecendo solucións disruptivas respecto ás tecnoloxías existentes.
19 aspirantes a un premio dotado con 2000 euros
Esta primeira convocatoria do galardón consistiu nun único premio cunha dotación económica de 2000 euros e as persoas candidatas que optaron ao mesmo tiñan como requisito que defendesen a súa tese no eido das tecnoloxías de telecomunicación, en concreto comunicacións, servizos dixitais e/ou ciberseguridade, en calquera universidade española entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022. Ademais, os seus traballos debían ter obtido a máxima cualificación, excelente cum laude, e tiñan que ter publicado dous artigos JCR Q1/Q2 ou, no seu defecto, dispor dunha patente en explotación, por un resultado da investigación realizada no contexto da tese.

PUBLICIDADE