23 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial do 8º Carballo Interplay

mércores, 4 de agosto do 2021 S. P.

A oitava edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebra na recta final do verán (do 6 ao 9 de setembro na vila bergantiñá), vai contar coa participación de dúas ducias de webseries competindo na sección oficial. Serán, en concreto, 23 producións procedentes dun amplo abano de países (Arxentina, Chile, Ecuador, Canadá, Estados Unidos, Australia, Alemania e Israel, ademais de Galicia e do resto de España) e tocando diferentes xéneros, aínda que, unha vez máis, será a comedia a gran protagonista da sección. O certame vén da man do Concello de Carballo e Interplay Producións. Repartiranse máis de 6.600 euros en premios.
A organización do festival elixiu, entre as propostas chegadas de todo o mundo, un total de 4 series galegas e en galego, 6 do resto do Estado e 13 do resto do mundo, entre as que tamén hai unha produción americana das galegas Also Sisters.
Cada un destes bloques competirá por cadanseu premio de 800 euros, que decidirá o xurado do festival, composto por David Pareja, Henar Álvarez, Fer Epelde, Sara Varela -en representación da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG)- e David Fidalgo, en nome da Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA). Ademais, o público decidirá cos seus votos entre todas elas un premio de 400 euros e un xurado novo composto por Tania Prieto, Sara Riveiro e Lúa Pagán entregará outro premio de 400 euros.
Entre as webseries internacionais que se poderán ver hai propostas de Arxentina, Chile, Ecuador, Estados Unidos, Canadá, Australia, Arxentina e Israel. A maioría das series son en español (5), galego (7) e inglés (4), pero tamén se escoitarán historias en euskera, alemán, francés, árabe e hebreo.
Segundo informou a oganización, “o público que se achegue á sección oficial deste 8º Carballo Interplay poderá comprobar, tamén, a enorme relevancia que adquiriron as temáticas sociais nas producións audiovisuais máis anovadoras e persoais”. Cuestións como as identidades sexuais e de xénero en conflito cos imperativos sociais, a loita pola supervivencia das persoas migrantes ou a defensa dos dereitos dos animais, entre outras. Tamén aparecen a pandemia, a dependencia do like favorecido polas redes sociais, a precariedade laboral e as desigualdades que sofren as mulleres polo simple feito de selo.
As webseries finalistas
Versión orixinal en galego: Arrieiros Somos, Mataría MicroSerie, Pandemials e Dúo Vaguedades.
Estatais: Backstage, La reina del pueblo, Riders, Amor superdotado, Drácula, el vampiro gallego e I am Who I am.
Internacionais: Dominos 2, Over And Out, Psicóticas Inseguras, Best Before (Meilleur Avant), Good Monsters, Cross, #WFH, Refugee Roads, Mortal Glitch, Freedom Farm Sanctuary, Pepper, todo por un like, Historias Migrantes e What’’s Next?

PUBLICIDADE