23 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial do 8º Carballo Interplay
mércores, 4 de agosto do 2021
A
oitava edición do Festival
de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebra na recta
final do verán (do 6 ao 9 de setembro na vila bergantiñá), vai
contar coa participación de dúas ducias de webseries
competindo na sección oficial. Serán, en concreto, 23 producións
procedentes dun amplo abano de países (Arxentina, Chile, Ecuador,
Canadá, Estados Unidos, Australia, Alemania e Israel, ademais de
Galicia e do resto de España) e tocando diferentes xéneros, aínda
que, unha vez máis, será a comedia a gran protagonista da sección.
O certame vén da man do Concello de Carballo e Interplay Producións.
Repartiranse máis de 6.600 euros en premios.
A
organización do festival elixiu, entre as propostas chegadas de todo
o mundo, un total de 4 series galegas e en galego, 6 do resto do
Estado e 13 do resto do mundo, entre as que tamén hai unha produción
americana das galegas Also Sisters.
Cada
un destes bloques competirá por cadanseu premio de 800 euros, que
decidirá o xurado do festival, composto por David Pareja, Henar
Álvarez, Fer Epelde, Sara Varela -en representación da Asociación
Sindical Galega de Guionistas (AGAG)- e David Fidalgo, en nome da
Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia
(CREA). Ademais, o público decidirá cos seus votos entre todas elas
un premio de 400 euros e un xurado novo composto por Tania Prieto,
Sara Riveiro e Lúa Pagán entregará outro premio de 400 euros.
Entre
as webseries internacionais que se poderán ver hai propostas
de Arxentina, Chile, Ecuador, Estados Unidos, Canadá, Australia,
Arxentina e Israel. A maioría das series son en español (5), galego
(7) e inglés (4), pero tamén se escoitarán historias en euskera,
alemán, francés, árabe e hebreo.
Segundo
informou a oganización, “o público que se achegue á sección
oficial deste 8º Carballo Interplay poderá comprobar, tamén, a
enorme relevancia que adquiriron as temáticas sociais nas producións
audiovisuais máis anovadoras e persoais”. Cuestións como as
identidades sexuais e de xénero en conflito cos imperativos sociais,
a loita pola supervivencia das persoas migrantes ou a defensa dos
dereitos dos animais, entre outras. Tamén aparecen a pandemia, a
dependencia do like favorecido polas redes sociais, a
precariedade laboral e as desigualdades que sofren as mulleres polo
simple feito de selo.
As webseries
finalistas
Versión orixinal en
galego: Arrieiros Somos, Mataría MicroSerie, Pandemials e
Dúo Vaguedades.
Estatais: Backstage,
La reina del pueblo, Riders, Amor superdotado, Drácula, el vampiro
gallego e I am Who I am.
Internacionais:
Dominos 2, Over And Out, Psicóticas Inseguras, Best Before
(Meilleur Avant), Good Monsters, Cross, #WFH, Refugee Roads, Mortal
Glitch, Freedom Farm Sanctuary, Pepper, todo por un like, Historias
Migrantes e What’’s Next?