LaLiga quere levar ao xulgado a Google, Apple e Huawei por non bloquear unha aplicación de IPTV

venres, 19 de abril do 2024 Marcus Fernández

En abril de 2022 LaLiga conseguiu que o Xulgado de Instrución nº 1 de Cieza ordenase a Google e Huawei a retirada das súas tendas de aplicacións un dos reprodutores de IPTV máis populares, newPlay, por facilitar o acceso ilegal aos partidos de fútbol de LaLiga, e agora estarían a ir un paso máis aló, e pretenden citar como investigados aos directores de Google, Apple e Huawei en España por “un delito de desobediencia grave” por non impedir que os usuarios dos seus teléfonos continúen a utilizar a aplicación que facilita a recepción ilegal das transmisións deportivas.
Cómpre salientar que as aplicacións de IPTV son simples reprodutores multimedia, sen relación coas retransmisións ilegais, aínda que en moitos casos conseguen un lucro indirecto ao ser de pagamento ou incluír publicidade. Pero realmente os responsables das retransmisións son os que elaboran as listaxes de reprodución que facilitan ao acceso ás retransmisións ilegais.
Dende LaLiga consideran que o auto de 2022 non esixía unicamente a retirada de newPlay das tendas de aplicacións, senón tamén o borrado remoto nos dispositivos dos usuarios, considerando a patronal do fútbol que as empresas tecnolóxicas ás que se enfronta con cooperadoras da piratería, “partícipes a título lucrativo” e “continúan na actualidade facilitando as súas infraestruturas aos usuarios da app de xeito que o ilícito continúa producíndose”.
Estas acusacións de LaLiga parecen bastante esaxeradas, e parecen ignorar que a instalación de aplicacións de IPTV pode facerse de xeito alleo ás tendas de aplicacións, á vez que tampouco resulta razoable perseguir a aplicacións que non están involucradas no que dan en chamar piratería, cando os responsables últimos da retransmisións ilegais e a súa explotación económica son outros.

PUBLICIDADE