27 millóns de euros até 2025 para impulsar a capacitación dixital dos galegos
xoves, 24 de febreiro do 2022
O vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda,
anunciou hoxe que Galicia
destinará máis de 27 millóns de euros até 2025 para impulsar a capacitación dos
galegos, facendo especial fincapé nos maiores.
Durante a convocatoria de prensa, Rueda precisou que o obxectivo é que o 70%
dos galegos teñan competencias dixitais básicas en 2025, «queremos formar en
competencias dixitais a máis de 45.700 persoas nos vindeiros tres anos»,
engadiu.
Para acadar estes obxectivos impulsaranse dúas medidas: o
Plan de ampliación e Reforma da Rede de Aulas CeMIT e o Marco Galego de
Competencias dixitais.
No tocante ás aulas CeMIT, que son claves para a mellora das
competencias dixitais daqueles galegos que teñen máis dificultades para acceder
a estas tecnoloxÃas, Rueda sinalou que este ano contarán con 1.300 prazas e
impartirán 35.000 horas de formación. Ademais, destacou que os maiores seguirán
tendo protagonismo, xa que, entre outras cousas, a Federación Galega de
Asociacións Universitarias Senior, aliada da rede desta rede de aulas, ten
previstos 60 cursos destinados ás persoas maiores. Tamén avanzou que coa
pretensión de que a Rede siga medrando se abrirán 30 novas aulas ata 2025.
En relación ao Marco Galego de Competencias Dixitais, o
vicepresidente primeiro subliñou que a Xunta está a traballar no
desenvolvemento dos plans de capacitación e acreditación e de avaliación e
autoavaliación, que permitirán o acceso á acreditación das competencias
dixitais. A este respecto, salientou que o certificado galego en competencias
dixitais validará 21 competencias de 5 áreas.