Qualcomm achegará as posibilidades da IA a máis móbiles

luns, 18 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Agora que os fabricantes de móbiles están a apostar con firmeza pola intelixencia artificial, e queren que haxa procesos que se executen en local, tiñan que apostar por procesadores de alta gama cun prezo bastante elevado, pero Qualcomm vai poñerllo máis fácil coa nova plataforma móbiles Snapdragon 8s Gen 3.
Estes novos procesadores de Qualcomm permiten facer uso da intelixencia artificial xenerativa en local, poden correr asistentes de IA capaces de xerar texto e imaxes e incluso soportan modelos de IA como Baichuan-7B, Llama 2 e Gemini Nano, pese a estarmos ante produtos cun prezo relativamente axustado.
Fabricantes como Honor, Realme e Xiaomi xa anunciaron que van lanzar proximamente smartphones con Snapdragon 8s Gen 3, plataforma que non só ofrecía IA xenerativa, senón que tamén conta con funcionalidades avanzadas para permitir un grande desempeño gráfico en xogos (soporta ray tracing), gozar das comunicacións sen fíos máis avanzadas (ten un modem 5G Snapdragon X70 e Wi-Fi 7), soporta a transmisión de audio sen perda e tamén inclúe tecnoloxía para poder procesar excelentemente as imaxes e os vídeos que capture a cámara do móbil.

A plataforma móbil Snapdragon 8s Gen 3 ofrece grandes prestacións pese a ter un prezo axustado

PUBLICIDADE