Bose presenta un novo altofalante portátil

xoves, 2 de maio do 2024 Marcus Fernández

Para os usuarios que busquen un altofalante portátil cunha estética atractiva, cómodo de transportar, boa autonomía e son de calidade, e o prezo non sexa unha limitación, chega o Bose SouldLink Max con acabados en azul ou en negro, que chegará ao mercado o vindeiro día 16 a un prezo de 399 dólares (que atendendo á conversión que habitualmente realiza a marca poderían traducirse nuns 439 euros en España).
Estes altofalantes portátiles teñen conectividade Bluetootn 5.3, poden controlarse a través da aplicación musical de Bose, tras 5 horas de carga poden funcionar até 20 horas, teñen resistencia IP67, poden transportarse comodamente coa súa correa de ombro ou asa extraíbles, pesan algo máis de 2 quilos e prometen ser capaces de encher a habitación de son con graves profundos e así poder levar a festa a calquera parte. De feito, a súa batería tamén pode aproveitar para cargar outros dispositivos por USB-C.
En calquera caso estamos ante un dispositivo que non é para un público moi amplo polo seu prezo elevado, e a propia Bose conta no seu catálogo con altofalantes portátiles bastante máis económicos.

Vídeo promocional do novo Bose SoundLink Max

PUBLICIDADE