David M. Calduch impartirá un curso en FEUGA sobre como potenciar as nosas vendas con IA

xoves, 2 de maio do 2024 S. P.

David M. Calduch, experto en Transformación Dixital, Xestión do Cambio e Cultura Dixital, impartirá un curso en FEUGA (Fundación Empresa-Universidade Galega) centrado no potencial das novas ferramentas intelixentes para transformar en positivo a actividade empresarial. Trátase do Potencia as túas vendas con IA: ferramentas avanzadas para o éxito comercial. Celébrase a vindeira semana, o 8 de maio.
Segundo avanza, a Intelixencia Artificial (IA) vai revolucionar as estratexias comerciais do tecido empresarial galego. A este respecto, o experto lembra que o 32,6% das pemes a nivel nacional xa emprega a IA nos seus procesos de mercadotecnia e vendas, tal e como recolle o informe Barómetro de adopción de la Inteligencia Artificial en las pemes españolas, publicado recentemente pola Asociación Industrial para el Impulso de la Economía del Dato e de la Inteligencia Artificial.
“A IA aumenta a eficiencia dunha compañía e xera máis oportunidades de negocio, ao mellorar o seu posicionamento no mercado e permitir dar unha resposta máis personalizada á demanda dos seus clientes”, explica David M. Calduch, quen conta con máis de 34 anos de experiencia asesorando en modelos de negocios dixitais con tecnoloxías punteiras. En Galicia, o uso da IA no sector empresarial tamén creceu ata o 12,2%, situándose case ao mesmo nivel que a media estatal, segundo un estudo publicado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA.
“Desde a miña experiencia, a aplicación da IA ten un maior impacto nos departamentos relacionados coa mercadotecnia, os recursos humanos, as vendas e a actividade comercial”, destaca o experto.
Aplicar a IA para mellorar os procesos comerciais
De acordo con David M. Calduch, “a IA contribúe a optimizar procesos comerciais claves, como a análise de mercado, a identificación do cliente tipo e a construción de relacións efectivas, así como á mellora da atención ao cliente”. O experto, que impartirá o curso Potencia as túas vendas con IA: ferramentas avanzadas para o éxito comercial o 8 de maio en FEUGA, insiste en que “a IA axuda aos equipos de vendas na execución de tarefas repetitivas e a creación de contidos comerciais de forma automatizada. Tamén na identificación de oportunidades de venda, a xeración de prognósticos máis precisos, así como na optimización do ciclo de vendas, entre outras xestións”.
A formación, clave para usar eficazmente a IA
A irrupción da IA no tecido empresarial galego vai supoñer un diferencial entre as organizacións que a utilizan de forma eficaz e aquelas que simplemente a coñecen. Por iso, segundo David M. Calduch, “a formación no uso de ferramentas de IA é fundamental para as estratexias comerciais das compañías. Se os profesionais saben utilizar estes recursos de forma eficaz lles resultarán máis beneficiosos. Non só para mellorar a súa produtividade, senón tamén para aumentar as vendas da empresa”.

PUBLICIDADE