1 millón de unidades do iPhone 3G vendidas na súa primeira fin de semana

martes, 15 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Apple anunciou que durante a pasada fin de semana (venres incluído) se terían vendido en 21 países do mundo 1 millón de unidades do iPhone 3G, de xeito que se acadou a grande velocidade un volume de vendas que coa anterior versión o móbil de Apple tardaron 74 días en conseguir.
Ademais, a AppStore, sistema de descargas de aplicacións para o iPhone, tamén tería achegado 10 millóns de descargas na súa primeira fin de semana, aínda que cómpre precisar que boa parte destas descargas son de balde. Esta plataforma pretende replicar iTunes, de xeito que incluso permite a compra e descarga de aplicacións directamente dende o móbil (facendo moi doada a súa incorporación ao terminal).
Se ben das cantidades anunciadas para a AppStore non parece haber dúbidas, sobre a cantidade de móbiles vendidos algúns analistas apuntan que a cantidade podería resultar enganosa, e incluír terminais encargados que aínda non chegaron ao seu usuario final, pois en moitos países hai problemas de abastecemento do iPhone 3G, entre os que está España onde, a falta de cifras oficiais, se estima que se puxeron á venda so 10.000 unidades, das que 2.000 se venderían na tenda insignia madrileña, de xeito que moitos establecementos quedaron sen unidades ou recibiron unha cantidade simbólica.
De todos os xeitos, a estrea do iPhone 3G parece ser todo un éxito, e incluso hai quen estima que a demanda de terminais triplica á oferta actual, polo que o móbil de Apple rematará o verán cunhas vendas considerables para un terminal de alta gama.

PUBLICIDADE