8,8 millóns de españois son usuarios habituais de videoxogos

mércores, 11 de outubro do 2006 Marcus Fernández

A Asociación de Distribuidores e Editores de Software de Lecer (aDeSe) publico o seu novo Estudio de Hábitos e Usos dos Videoxogos no que se debuxa o perfil do usuario español deste tipo de produtos, para o que se realizaron máis de 4.000 entrevistas a persoas de ata 34 anos de idade.
Actualmente considérase que 1 de cada 5 españois xogan habitualmente ós videoxogos, destacándose un despunte dos usuarios femininos, que son xa 3,3 millóns fronte os 5,5 millóns de varóns, o que desbota o mito da ausencia das mulleres neste tipo de lecer.
Cabe destacar que o mercado que experimentou o meirande crecemento foi o dos móbiles, que dobrou as súas cifras dende o anterior estudio de aDeSe (en 2004) mentres que o xogo pola Internet aínda se demora, sendo algo pouco habitual por parte de usuarios de consolas (con só o 11%) e algo máis frecuente por parte dos usuarios de ordenadores (co 44,5%).
A piratería tamén parece unha mácula que non dá desaparecido do mercado, e só o 65% dos videoxogos son orixinais, aínda que nas copias hai que indicar que é máis frecuente a copia directa que a descarga a través da Internet.

Os xogadores galegos
A principal novidade do estudio de 2006 é que se realizou unha división por comunidades, que no caso de Galicia se agrupa con Asturias e Euskadi nunha virtual Cornisa Cantábrica na que os usuarios máis habituais son adultos, homes, cunha frecuencia de xogo media-alta, que non xogan pola Internet, que gustan dos xogos de coches e de acción e que teñen uns 27 xogos de media (dos que o 50% son orixinais).
Quizais o dato máis relevante desta análise por comunidades destaque polo feito de que o xogo a través da Rede só é habitual en Madrid e Cataluña, o que parece marcar unha relación entre a penetración da Internet e a práctica deste tipo de xogos. Tamén resulta curioso que en Madrid os xogadores teñen unha idade inferior ó resto de España, sendo o máis habitual que se atopen entre os 7 e os 24 anos.
Nos perfís rexionais parecen constantes os factores coma o xénero (predominancia masculina) e os compradores dos xogos (que na meirande parte dos casos son os pais, de aí que aDeSe centre as súas iniciativas a promover o código PeGi de cualificación dos xogos por idades).

PUBLICIDADE