Panasonic podería pasar a fabricar os seus televisores en China

luns, 3 de maio do 2021 Marcus Fernández

O mercado do televisores segue a ter serios problemas de viabilidade para grandes fabricantes tradicionais, e un dos últimos en tirar a toalla é Panasonic, que coméntase que deixará de producir os seus propios televisores para externalizar a produción á marca chinesa TCL, actualmente o terceiro fabricante de televisores do mundo. O acordo entre ambas compañías estaría a piques de pecharse e confíase en que sexa unha realidade para o mes que vén.
Panasonic mantería só a produción de televisores de alta gama para o mercado xaponés, pero reduciría drasticamente o traballo das súas fábricas xaponesas, para deixar a meirande da fabricación a instalacións fóra do país, atendendo ás reducidas marxes de beneficios que deixan os televisores de gama media e baixa, o que xa levou a que a compañía movese parte da produción a países como a India ou Vietnam.
Panasonic chegou a ter máis do 10% do mercado mundial de televisores, e actualmente tería aproximadamente o 1,2%, deixando claro o difícil que é competir nun mercado dominado polos fabricantes surcoreanos e chineses. Outras compañías xaponesas teñen unha sorte semellante, e Hitachi chegou a pechar a súa división de televisores, Toshiba vendeu a súa división de televisores á chinesa Hisense e basicamente a única compañía nipoa cunha boa saúde sería Sony, que mantén un negocio estable, aínda que moi lonxe do rol líder que tiña no pasado.

PUBLICIDADE