Arranca o proxecto Tech Angels centrado no talento galego como chave para a transformación dixital

venres, 15 de marzo do 2024 S. P.

Esta mañá na Cidade das TIC (A Coruña) tivo lugar a inauguración da sesión de presentación de ideas (pitching) no marco do proxecto Tech Angels, que forma parte dun convenio de colaboración entre a axencia autonómica, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Clúster TIC de Galicia. Na dita sesión, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, salientaba que Galicia “necesita talento local e empresas propias para afrontar os retos dunha transformación tecnolóxica singular, nun proceso adaptado ás necesidades específicas do noso país”.
Cal é o obxectivo de Tech Angels? Pois seleccionar e coñecer proxectos empresariais innovadores non tecnolóxicos que precisen dun socio tecnolóxico e buscar emprendedores e proxectos cunha forte compoñente tecnolóxica para poñelos en contacto con investidores.
Julián Cerviño referiuse ás “singularidades” de Galicia relacionadas co territorio, entre elas citou: a poboación, a Administración e servizos dixitais, os sectores estratéxicos, a aposta da Xunta de Galicia polo emprego de tecnoloxías de alto impacto, a Intelixencia Artificial, a Internet das Cousas, a economía do dato, os vehículos non tripulados ao servizo do benestar das persoas e a xeración de riqueza.
Asemade, Cerviño subliñou que o talento de Galicia ten que contribuír a ese desenvolvemento con solucións adaptadas para afrontar os proxectos que a Xunta ten en marcha no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030. Entre os proxectos que requiren desa visión “autóctona”, Cerviño referiuse á xestión intelixente do territorio cos datos e información procedentes da rede de sensores de iCousas (Internet das Cousas); á plataforma de mobilidade que racionaliza e facilita o uso e eficiencia dos transportes públicos; o modelo de asistencia apoiada na tecnoloxía en residencias intelixentes e fogares intelixentes para persoas maiores ou con discapacidade; á automatización e robotización para acadar unha Administración dixital máis eficiente, máis personalizada e máis accesíbel; ou á evolución da xustiza e a educación dixital que xa están implantadas en todas as salas de vistas e en practicamente todas as aulas.
Dous bloques A presentación dos proxectos distribuíuse en dous bloques, con cinco pitch en cada un, incluíndo, ademais, unha sesión de preguntas e respostas durante a que os asistentes puideron consultar dúbidas e ampliar información sobre as distintas solucións presentadas.
No primeiro bloque, presentouse a solución Senior Lingua, que conecta a estudantes de idiomas con persoas maiores nativas nunha plataforma de vídeo chamadas, mediante algoritmos. En segundo lugar, a marca de surf de moda urbana Cero de Costa presentou o seu modelo de negocio e necesidades de expansión, seguida de Lanzadeira, que explicou o seu proxecto de optimización de contidos. Acto seguido, a consultora Nerxus Quality Solutions expuxo as súas solucións de Big Data e enxeñería e Kooltural rematou o bloque presentando a súa proposta para unir a xestores culturais co seu público, mediante IA para o perfilado de usuarios e procura con linguaxe natural.
Tras un breve receso, a media mañá, Tallki e a súa idea de negocio para moda interactiva e personalizada iniciou a segunda rolda de presentacións. A continuación, CT-Soil explicou o seu proxecto baseado en biotecnoloxía; Cardio Angel presentou a súa aplicación móbil de alerta cardíaca e a súa rede de voluntarios capacitados para realizar unha RCP; Zenss Wellness expuxo a súa solución para saúde mental; e Toi Toi Toi amosou a súa proposta para realizar unha aplicación web, con réplica en app, de xestión e promoción cultural.

PUBLICIDADE