12 Lúas: artistas galegos á procura de novas linguaxes no dixital

xoves, 29 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

A cultura ten atrancos, algúns deles impostos por quen participa directamente nela e outros por quen a recibe ou está en disposición de recibila. A enleada é tan complexa ás veces son todos os axentes implicados os que constrúen os muros e as restricións. Tirar abaixo unha boa parte destes facendo uso da nova vaga de recursos web de tipo aberto social é o gran obxectivo de 12 Lúas, un proxecto galego nado ó abeiro da pasada celebración do 17 de maio. A iniciativa, que xira arredor dun blog (símbolo por excelencia da Internet de índole participativa, a orde 2.0), ten como misión tirar proveito da mestura de dous ingredientes encamiñados a atoparse: as artes e a Rede.
E todo presentado cun compoñente que lles pon á cultura e á Internet un altofalante diante: as licenzas Creative Commons (CC) con base derivativa, de recoñecemento e eido non comercial.
Trala proposta, atópanse artistas que tocan moi diversos ámbitos de expresión: Veronika Cernadas, Alberte Muíño, José M. Olveira, Esperanza Porto, Francisco Porto, Gabriela Rodríguez e Eugenio Sánchez.
Observatorio e lugar de encontro
Máis polo miúdo, 12 Lúas desenvólvese como un observatorio do que vai vir, tentando levar a cabo o complexo labor de ver o que vai dar de si unha revolución actualmente en curso: a da cultura baseada nas tecnoloxías e na intercomunicación das diferentes artes.
Amais disto, a iniciativa vai encamiñada a buscar a colaboración entre distintas persoas ou grupos para xerar novos proxectos ou até artes novas en si mesmas. No eido da cultura, 12 Lúas tira partido de aquelas disciplinas que máis se están a ver beneficiadas polo uso das novas tecnoloxías da comunicación (fotografía, reprodución, música ou poesía) e, no eido dos recursos dixitais en si mesmo, céntrase en boa medida en afondar en ferramentas como YouTube, Flickr ou FaceBook, todas elas ben estendidas entre os usuarios da Rede.
Por qué 12 lúas?
Segundo informan os responsables da iniciativa, o nome de 12 lúas “vén dado porque a cada mes correspóndelle un mes, e o proxecto tenta ter o seu máximo froito ó longo dun ano completo”. Así pois, non é casualidade de que andaina comezase o pasado 17 de maio, o Día das Letras Galegas no que se defenden a nosa lingua e cultura e, tamén (a nivel mundial) a propia Internet. Amais disto, cómpre dicir que este ano conmemorouse o corenta Aniversario do Maio do 68. A elección da lúa como símbolo ten que ver co seu papel na historia como musa de poetas e relixións, amais de estar vinculada –esta elección- co seu compoñente alterador do comportamento humano, o que en moitos casos é o punto de partida do espírito creativo.
Por qué Licencias Creative Commons?
As licencias Creative Commons ofrecen a oportunidade de difundir as nosas obras baixo uns parámetros, sen que ninguén se apropie delas de xeito indebido” sinalan os responsables da iniciativa.

PUBLICIDADE