A Business Factory Aero, recoñecida como a mellor aceleradora avanzada de España no Funcas 2024

venres, 19 de abril do 2024 S. P.

A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas.
Este primeiro posto na clasificación nacional supón “un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade”, sinalaron fontes de GAIN, engadindo que a BFAero sitúase ademais como primeira clasificada no ranking en diferentes categorías: no de programas de aceleración 2024/2025; no de graduación 2024/2025 e na clasificación global Funcas 2024/2025 de aceleradoras de empresas na categoría de Avanzadas.
“O traballo realizado e as importantes cifras de crecemento obtidas na última edición consolidan a este programa, que no anterior ranking ocupaba o quinto posto e agora xa é líder en España”, sinalou a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, que foi a encargada de representar á Business Factory Aero no acto de presentación do Informe Funcas, onde destacou que “é o resultado de toda unha política pública focalizada nun único obxectivo, o de transformar a nosa comunidade a través da innovación e a tecnoloxía”. Engadiu ademais que “este programa móvese grazas ao traballo de cada unha das startups, que naceron, medraron e internacionalizaron os seus proxectos na BFAero e tamén grazas ao equipo humano, que fixo posíbel os logros e avances dos proxectos que pasaron por este programa. Esta aceleradora e todo o traballo do Polo Aeroespacial de Galicia está baseado na colaboración. É a panca coa que impulsamos a innovación e foi tamén a da BFAero”.
Máis de 400 proxectos de 26 países presentaron a súa candidatura ás convocatorias realizadas nas cinco edicións da Business Factory Aero, das cales foron apoiados 42 proxectos empresariais, que teñen xerado 180 empregos cualificados e un volume de negocio conxunto que se aproxima aos 7 M€. Ata o 14 de maio está aberta unha nova convocatoria do itinerario de consolidación da BFAero, na que se seleccionarán tres novos proxectos.
O estudo sobre os servizos que prestan os viveiros e as aceleradoras de empresas de España realizado por Funcas tamén sitúa á Fundación CEL – Iniciativas por Lugo, o órgano xestor da Business Factory Aero, como o mellor viveiro de empresas en 2024, o que consolida o seu liderado nos últimos anos. Fundación CEL foi o número un da lista na listaxe de difusión do espírito emprendedor; no ranking de incubación básica; no de graduación e na clasificación global de viveiros de empresas 2024/2025 na categoría de Avanzados.

PUBLICIDADE