A FIC acolle esta fin de semana a segunda edición do encontro HackUDC

mércores, 14 de febreiro do 2024 S. P.

Entrega de premios aos gañadores da anterior edición do evento

A segunda edición do HackUDC, en palabras da Universidade da Coruña “o maior hackathon de Galicia”, xa ten data de celebración. O evento celebrarase os días 16, 17 e 18 de febreiro na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Durante este encontro, máis de 160 estudantes reuniranse para desenvolver proxectos tecnolóxicos baixo un límite de tempo. O formato, segundo informou a organización, diferénciase doutros encontros similares en que “neste non só se centrarán nas ideas, senón que tamén desenvolverán prototipos funcionais para demostralas”.
O evento está organizado polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), unha asociación universitaria vinculada á UDC destinada a fomentar o software e hardware libre e a promover a colaboración dentro da comunidade de desenvolvedores. A asociación conta con 25 anos de traxectoria e máis de 500 membros.
Na súa primeira edición HackUDC reuniu a máis de 50 participantes, e este ano viron superadas as súas expectativas, contando con máis de 160 persoas inscritas e outras en lista de espera, que proceden tanto da UDC como doutras universidades galegas, ciclos de formación profesional e incluso participantes de fóra de Galicia.
O acto de inauguración será ás 18.00 horas do venres 16, no salón de actos da Facultade de Informática e contará coa asistencia de Mª José Lombardía, vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC, e Mariano J. Cabrero, decano do centro.
O evento, que conta co apoio da Universidade da Coruña, a Xunta de Galicia e 11 empresas patrocinadoras, tanto locais como multinacionais do sector tecnolóxico, repartirá máis de 2000 euros en premios. Ademais o alumnado da UDC que participe poderá recoñecer 3 créditos ECTS.

PUBLICIDADE