11 xogadores representarán a España nos World Cyber Games

martes, 23 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Imaxe dos gañadores da competición publicada por Meristation

A pasada fin de semana máis de 3.000 persoas se xuntaron en Madrid para a final estatal dos World Cyber Games 2008, quedando seleccionados 11 xogadores para representar a España na final dos mundiais dos videoxogos que terán lugar entre os días 5 e 8 de novembro en Colonia (Alemaña).
A competición española contou co apoio de Microsoft, Samsung, o Concello de Madrid e outras entidades, e os xogos nos que se enfrontaron os participantes foron Counter Strike, FIFA 08, Warcraft III, Project Gotham Racing 4, Guitar Hero III e Virtua Fighter 5.
Os gañadores da final serían o equipo X6TENCE AMD, formado por David Antón, Antonio Rivas, Adrián Rodríguez, Jeans García e Daniel García, que competía no Counter Strike; David Arboli e Jorge Gutiérrez demostraron a súa valía co balón no FIFA 08; Pedro Moreno representará a España no Warcraft III; Guillermo Veramendi manexará o volante no Project Gotham Racing 4; Alejandro Revidiego demostrou ser un virtuoso do Guitar Hero III e Guillermo Pedrosa repartirá estopa no Virtua Fighter 5.

PUBLICIDADE