Instagram recomendará máis contido orixinal

martes, 30 de abril do 2024 Marcus Fernández

Instagram está a realizar cambios nos seus algoritmos de recomendación para favorecer que os creadores de contido orixinal consigan un maior alcance e penalizar aos usuarios que amasan grandes volumes de seareiros pero que na práctica nútrense de contido alleo, roubando o recoñecemento a quen o merece realmente.
Até agora, os Reels de Instagram recomendábanse principalmente en función do número de usuarios que interactuaban, de xeito que era habitual que as contas con máis seareiros conseguisen un maior alcance, pero isto vai mudar, procurando que todos os creadores tiñan a mesma oportunidade de acadar o éxito con independencia do seu número de seareiros.
Pero o máis importante destas novas medidas e a promesa de que apostarán polo contido orixinal, aínda que o republicasen contas máis populares. Deste xeito, cando atopen contido replicado recomendarán só o orixinal e notificarán ao creador de que o seu contido se está a amosar en substitución do publicado por un terceiro. Tamén engadirán unha etiqueta ligando ao creador orixinal cando atopen contido republicado por outros (aínda que actualmente esta etiqueta pode eliminarse por parte dos creadores involucrados).
Esta nova política evolucionará cara a unha guerra contra os que se nutren de contidos alleos, de xeito que cando detecten que unha conta publica contido alleo dende 10 veces en 30 días o seu contido deixará de poder recomendarse durante 30 días (medida que non se aplicará a contas con contido licenciado ou con permiso explícito dos creadores orixinais).
Cómpre salientar que estamos a falar só do funcionamento das recomendacións da plataforma, ou sexa, que estas políticas non teñen nada que ver coas violacións da propiedade intelectual, pois continúa a estar prohibido publicar contidos sobre os que non se teña dereito.
Dende Instagram tamén procurarán afastar dos seus mecanismos de recomendación os vídeos políticos, os contidos tóxicos, os contidos enganosos, a desinformación, o contido de baixa calidade e tamén os contidos que poidan resultar perigosos por ser violentos, supor riscos para a saúde ou corresponderse a calotes.

PUBLICIDADE