40 proxectos audiovisuais compiten por 15 prazas vacantes no Ames AV LAB

martes, 23 de abril do 2024 S. P.

O espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro, acolleu este martes 23 de abril a primeira xuntanza da Comisión de Avaliación de candidaturas do Ames AV LAB, o laboratorio local para impulsar a nova produción audiovisual e, tamén, proxectos de Realidade Virtual e de novos formatos e contidos. Neste encontro, no que participaron representantes do Concello de Ames, a Deputación da Coruña e de tres destacadas empresas do sector audiovisual galego, realizáronse as primeiras entrevistas aos proxectos preseleccionados pola Comisión de Gobernanza, constituída o pasado mes de marzo.
A deputada provincial, Rosana García destacou a importancia da aposta que fai o Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña pois “Ames está a poñer en valor o seu sector audiovisual, pero o tamén o espazo colaborativo do coworking do Milladoiro, que é onde van traballar os proxectos que saían elixidos”. Pola súa parte a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, apuntou a que “con este proceso selectivo estamos un paso máis preto de ver un proxecto audiovisual nado no Ames AV Lab”.
Despois de varias sesións, a comisión elixirá un máximo de 15 proxectos, baseándose na información solicitada a través dos formularios e nas entrevistas presenciais, poñéndose en relación tal información cos criterios de valoración establecidos nas bases da convocatoria.
O peche da convocatoria, o pasado 12 de abril, tivo unha gran acollida por parte de todos os actores da industria audiovisual galega, xerando un total de 40 proxectos presentados nesta primeira edición. De entre eles, os que superaron a fase de preselección hoxe foron entrevistados por unha Comisión de Avaliación no Espazo A Proa, no Milladoiro.
Os proxectos presentados abranguen unha ampla variedade de tipoloxías, desde longametraxes (de ficción e documental) e series, ata curtametraxes ou proxectos de animación en diferentes fases de desenvolvemento.
O Ames AV LAB é un laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual dende o Concello de Ames. Enmárcase dentro do Plan de Emprego Local, co-financiado pola Deputación Provincial da Coruña. Ames AV LAB concíbese como un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais.
Os destinatarios do proxecto son creadores do sector con proxectos non iniciados, en fase de creación ou desenvolvemento, que non teñan data de inicio de rodaxe prevista. Poderán participar proxectos de curtametraxes, longametraxes, series, documentais de creación ou participativos, narrativas inmersivas e de Realidade Virtual e outros contidos audiovisuais e de carácter dixital fundamentalmente narrativos, primando o ámbito local e provincial.

PUBLICIDADE