O programa ÚNICO levará a banda larga a 260 fogares de Calvos de Randín

venres, 22 de marzo do 2024 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, visitou este venres 22 o concello ourensán de Calvos de Randín, onde puido coñecer de primeira man os proxectos que se están a desenvolver no territorio co apoio dos recursos estatais, proxectos de transición verde e de despregadura de telecomunicacións (banda larga) para afianzar poboación e achegar oportunidades de emprego sustentábeis e innovadoras.
Pedro Blanco interesouse polas iniciativas que impulsa o Concello, presidido polo alcalde Aquilino Valencia, en liña coa dinamización social desde o local. Estas iniciativas teñen como marco de acción a recuperación do patrimonio “para beneficio de gran parte da poboación”, sinalou. O delegado estivo, ademais, acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González.
Puido coñecer o alcance do proxecto para mellorar o saneamento e a depuración de augas, que recibiu un investimento de máis de 250.000 euros, unha acción que se realiza a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e que Pedro Blanco destacou como “unha actuación que representa un gran paso para concello pequeno”.
Ademais o delegado e o alcalde analizaron o proxecto que fixo posíbel a renovación do alumeado público e que se beneficiou de 83.000 euros en axudas.
Ademais, Calvos de Randín benefíciase do programa ÚNICO-Banda Larga, que executa o Goberno para completar a dixitalización do territorio galego. Este programa posibilitará unha conexión a Internet de altas prestacións, que ademais cubrirá un total de 259 unidades inmobiliarias, algo “que na práctica supón a completa dixitalización do territorio municipal dotándoo de acceso con velocidades de 300 Mbps”, sinalaron.

PUBLICIDADE