A Audiencia Nacional pretende bloquear Telegram en España

venres, 22 de marzo do 2024 Marcus Fernández

O xuíz da Audiencia Nacional, Santiago Pedraz, tras unha demanda de EGEDA, Mediaset España, A3 Media e Movistar Plus contra Telegram pola distribución dos seus contidos audiovisuais sen o debido permiso, solicitou información á compañía de Pavel Durov e ante a falla de resposta por parte de Telegram o xuíz considerou axeitado dar orde de bloqueo da aplicación de mensaxería no territorio español de xeito cautelar, mentres continúan as investigacións. Os operadores de telecomunicacións deberían estar a recibir a orde de bloqueo, que farían efectiva nas vindeiras horas.
Polo momento a aplicación de Telegram permanece operativa en España, e sorprende especialmente o feito de que se ordene o seu bloqueo por unha simple demanda sobre propiedade intelectual, cando no pasado rodearon a Telegram numerosas causas sobre terrorismo, pornografía infantil, narcotráfico e moitas outras actividades ilegais moito máis xustificadas para vulnerar os dereitos fundamentais de millóns de usuarios que ten a plataforma en España, e aos que se lles impediría unha canle de comunicación sen unha causa que xustifique a desproporcionada medida de bloqueo.
Non sería de sorprender que as instrucións do xuíz se boten atrás antes da súa aplicación, ante o despropósito que supón colocar a unhas poucas compañías por diante dos dereitos da cidadanía. Aínda que sobren os motivos para tomar medidas contra Telegram, na opinión pública hai consenso en que non estamos ante unha situación na que as medidas de bloqueo, pese a ser temporais, teñan sentido.
Lembremos que no Brasil houbo varios casos de xuíces que se extralimitaron aprobando o bloqueo de WhatsApp, e en todos os casos autoridades superiores tiveron que anular as medidas por considerar que se trataba dun abuso de poder, e que non se podía deixar sen comunicacións a un cento de millóns de usuarios por culpa dun conflito xudicial.

PUBLICIDADE