Adobe reforzará o uso da IA xenerativa na edición de vídeo

luns, 15 de abril do 2024 Marcus Fernández

Tras unha grande integración da intelixencia artificial xenerativa en Photoshop, Adobe prepárase para facer o mesmo co vídeo en Premiere Pro, e adianta algúns dos avances que implementará este mesmo ano, revolucionando os fluxos de traballo en edición de vídeo.
Un dos detalles máis interesantes da integración da intelixencia artificial xenerativa por parte de Adobe é que non vai limitarse a incorporar o modelo de vídeo xenerativo de Adobe Firefly, senón que vai abrirse a modelos de terceiros como Sora (de Open AI), Pika e Runway, o que suporá unha grande vantaxe para os usuarios das ferramentas de edición de Adobe, xa que terán máis doada a integración de vídeos creados mediante IA nos seus traballos.
Entre as posibilidades da IA xenerativa no vídeo temos a posibilidade de estender vídeos (ampliando a duración dun vídeo que se quedou curto, sen mudar a súa velocidade, incorporando máis fotogramas en función do vídeo actual); a eliminación e o borrado de obxectos na imaxe (funcionalidade bastante madura en Photoshop, que agora poderá aplicarse a vídeo); e a creación de b-roll mediante IA xenerativa (para así contar con planos de recurso para enriquecer unha montaxe).
Actualmente o Premiere Pro xa facía un uso intensivo da IA para mellorar a voz, transcribir vídeos, permitir a edición de vídeos a través da súa transcrición, detectar os cambios de escena, reencadrar a imaxe... e agora vai un paso máis aló, trasladando grandes ferramentas presentes en Photoshop, pero aplicadas agora ás imaxes en movemento, o que pode aforrar moito tempo de edición.

Adianto das novidades que preparan para Premiere Pro baseadas en IA xenerativa

PUBLICIDADE