14 espazos públicos do Casco Vello de Vigo gozan de Internet sen fíos grazas a unha nova rede WiMAX

mércores, 24 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Santi Domínguez inaugurou este martes a nova infraestrutura de telecomunicacións para o Casco Vello vigués

A cidade de Vigo estreou este martes unha rede de servizo WiMAX que leva o acceso á Internet a espazos públicos e centros municipais do Casco Vello implantada grazas a unha achega de 750.000 euros do Plan E e que busca revitalizar o barrio histórico, segundo comentou o tenente de alcalde, Santi Domínguez, encargado da inauguración desta nova infraestrutura, quen engadiu que «trátase dun sistema innovador para o Casco Vello que completa as humanizacións, a rehabilitación de edificios ou instalacións de novos servizo, para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías».
A presentación desta rede WiMAX tivo lugar na oficina de turismo da rúa Teófilo Llorente, e contou coa participación do concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, quen asegurou que buscaban que «o Casco Vello fora un lugar pioneiro na aplicación da rede WiMAX, e desta forma non só recuperamos o paso histórico senón tamén avanzamos cara a súa modernización».
Esta nova infraestrutura conta con 4 puntos de emisión (o Concello, o Castro, Domaio e Meixoeiro) para dar cobertura a toda a cidade, servindo entre outras cousas para dar acceso público á Internet en 14 espazos da cidade, que nunha primeira fase chega á Praza da Constitución, a Porta do Sol, a Praza do Berbés, o Paseo de Alfonso, a Pedra e o polideportivo do Berbés, aínda que tamén é posible utilizar o servizo en distintas instalacións deportivas municipais.
Aparte do servizo público, esta nova rede tamén serve para uso interno en dependencias municipais, e complétase con fibra óptica. Amais, en distintas instalacións como a oficina de Turismo de A Pedra, as piscinas de Teis, Lavadores e Valadares, os polideportivos do Berbés e Lavadores, o ximnasio do Carme e o complexo polideportivo de As Travesas colocaranse pantallas multimedia que ofrecerán información sobre eventos que se celebren na cidade.

PUBLICIDADE