14 espazos públicos do Casco Vello de Vigo gozan de Internet sen fíos grazas a unha nova rede WiMAX
mércores, 24 de febreiro do 2010
- Santi Domínguez inaugurou este martes a nova infraestrutura de telecomunicacións para o Casco Vello vigués
A cidade de Vigo estreou este martes unha rede de servizo WiMAX que leva o acceso á Internet a
espazos públicos e centros municipais do Casco Vello implantada
grazas a unha achega de 750.000 euros do Plan E e que busca revitalizar o
barrio histórico, segundo comentou o tenente de alcalde, Santi Domínguez,
encargado da inauguración desta nova infraestrutura, quen engadiu que «trátase dun sistema innovador para o Casco
Vello que completa as humanizacións, a rehabilitación de edificios ou
instalacións de novos servizo, para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías».
A presentación desta rede WiMAX tivo lugar na oficina de turismo da rúa Teófilo
Llorente, e contou coa participación do concelleiro de Patrimonio Histórico,
Eudosio Álvarez, quen asegurou que buscaban que «o Casco Vello fora un lugar pioneiro na aplicación da rede WiMAX, e
desta forma non só recuperamos o paso histórico senón tamén avanzamos cara a
súa modernización».
Esta nova infraestrutura conta con 4 puntos de emisión (o Concello, o Castro,
Domaio e Meixoeiro) para dar cobertura a toda a cidade, servindo entre outras
cousas para dar acceso público á Internet en 14 espazos da cidade, que nunha
primeira fase chega á Praza da Constitución, a Porta do Sol, a Praza do Berbés,
o Paseo de Alfonso, a Pedra e o polideportivo do Berbés, aínda que tamén é
posible utilizar o servizo en distintas instalacións deportivas municipais.
Aparte do servizo público, esta nova rede tamén serve para uso interno en
dependencias municipais, e complétase con fibra óptica. Amais, en distintas
instalacións como a oficina de Turismo de A Pedra, as piscinas de Teis, Lavadores
e Valadares, os polideportivos do Berbés e Lavadores, o ximnasio do Carme e o
complexo polideportivo de As Travesas colocaranse pantallas multimedia que
ofrecerán información sobre eventos que se celebren na cidade.