16 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial do 10º Carballo Interplay

venres, 17 de marzo do 2023 S. P.

A nova edición do festival de contidos dixitais Carballo Interplay, a edición número 10, promete pasar á historia en materia de estreas, presentacións, internacionalización e participación nas seccións do certame. Segundo confirmaron as entidades organizadoras (Interplay Producións e Concello de Carballo), até 16 webseries de todo o mundo competirán na sección oficial. O certame celebrarase os días 28, 29, 30 de abril e 1 de maio na capital da Costa da Morte e repartirá 5.800 euros en premios. A organización do festival escolleu, entre as propostas chegadas de todo o mundo, un total de 3 series galegas e en galego, 1 do resto do Estado e 12 do resto do mundo.
Entre as series web internacionais que se poderán ver na sección oficial do Carballo Interplay hai propostas de Bélxica, Australia, República Checa, Moldavia, Arxentina, Chile, Rusia, Canadá ou Brasil. A maioría dos produtos son en galego (3), español (3) e inglés (3), pero tamén se escoitarán historias en xaponés, ruso e checo.
Ademais, concederase novamente o premio ao mellor proxecto de serie web en galego, para o cal este ano chegaron 12 candidatas, un número superior ao de outras edicións que “consolida ao Carballo Interplay como epicentro de creación audiovisual galega e reflicte o interese de crear por parte das novas xeracións”, explican dende a organización. Algunhas das series que gañaron outras edicións son Mentres non chova (2022), Pringadas (2021) ou Cacola (2020).
Sección oficial
Nesta edición recibíronse en torno a 200 webseries, das cales foron seleccionadas 16. As finalistas divídense en tres bloques distintos en base á súa temática e os seus protagonistas.
O primeiro destes tres é Movidas Humanas e nel atópanse cinco series cuxas tramas van dende a vida de tres mozas universitarias en Santiago de Compostela ata as historias da xente que rodea o Muiño da Seca de Cambados, pasando pola frustración dun xornalista que se especializa en sacar trapos sucios de influencers. Este bloque conta coas series Chateau Laurier, Historias arredor da vida, Motherhoodland, Off The Record e Pringadas.
O segundo bloque leva como título Movidas antes dos 30 e fálanos das principais preocupacións da xeración millennial e Z. Algunhas das historias que se poden atopar neste bloque son a de dúas irmás que se encontran de novo tras dez años separadas para secuestrar ao seu pai, a dunha moza que intenta reconstruír unha noite de bebedela a través das mensaxes que recibira en redes sociais ou a dun instituto no que se leva a cabo un tiroteo. As series deste bloque son Detention Adventure, Frangines, No, you’re stupid!, TBH e Voice Memo.
O último bloque é Movidas despois dos 30, que, tal e como indica o seu nome, está pensado para un público máis adulto. Neste bloque poderase ver entre outras series a historia dun psicólogo australiano que ten que loitar cas dificultades do ser humano, a dun mozo que se apunta aos Corpos de Paz estadounidenses para impresionar á súa ex e a dun pai que pasa os últimos tres días coa súa filla antes de separarse dela para sempre. Aquí poderanse ver as series A arte de ser mal pai, Abracadavers, Fake live, It’s Fine, I’m Fine, Lost in Moldova e Terapia de.
O Carballo Interplay ofrecerá, como vén facendo cada ano dende o seu nacemento, unha completa panorámica do que se está a cocer no mundo das series a nivel global. “Atendendo a esta panorámica”, explican dende a organización do CIP, “a comedia segue a ser a fórmula preferida polas creadoras e os creadores dixitais para contar as historias máis diversas”. Así, engaden, “dende o humor máis ácido e pesimista sobre as relacións humanas ata a comedia máis política, moitas buscan quitarlle algo de seriedade á realidade”.
Sección Golfa
Este ano haberá un cuarto bloque chamado Series Golfas no que se fará un repaso das 8 series máis túzaras proxectadas no Carballo Interplay ao longo dos seus dez anos de historia. A diferencia do resto, este bloque proxectarase no Casino 1889 de Carballo, para “facer a experiencia máis amena e informal”. As series seleccionadas para esta experiencia son as seguintes: Ventura Time, Future Duck, Comaland, Orfanato Atroz, Niño Ratón, Pésame Street, Lordson & Jesus e Querida Conchi.
Xurados
En total daranse 5.800 euros en premios entre os cales están o premio a mellor serie de 800 euros, mellor serie versión orixinal en galego, tamén de 800 euros, mellor guión e mellor dirección, ambos de 200 euros. Estes premios decidiraos un xurado composto por Culomala/Excomplice, artista dixital de 27 años que traballa sobre os xogos incómodos que interfiren na lectura intrapersoal e relacional, Burnin’ Percebes, creadores de series como Ventura Time (2013), Searching for Meritxell (2014) e Ikea 2 (2016) e películas como La reina de los lagartos (2020), e Alejandro Rodriguez, en nome da Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA).
Ademais, o público decidirá cos seus votos entre todas elas un premio de 400 euros e un xurado novo composto por César Rama, creador de contido en galego, modelo, DJ e fotógrafo, Xacobe Bruña, bailarín, fotógrafo, cineasta e actor na película As Neves, e Xulia Lomba, xornalista no departamento de Extensión Audiovisual da CRTVG, entregará outro premio de 400 euros.
Mellor proxecto webserie en galego
Os 3.000 euros restantes recibiraos quen gañe o premio a mellor proxecto de webserie en galego. A organización do CIP salienta neste punto que este ano “a competición estará máis rifada ca nunca”, dado que se presentaron 12 proxectos, dos cales serán seleccionados catro para realizar un pitching presencial que determinará quen recibe esa axuda económica e que webserie será presentada na vindeira edición do festival.

PUBLICIDADE