16 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial do 10º Carballo Interplay
venres, 17 de marzo do 2023
A
nova edición do festival de contidos dixitais Carballo
Interplay, a edición número 10, promete pasar á historia en
materia de estreas, presentacións, internacionalización e
participación nas seccións do certame. Segundo confirmaron as
entidades organizadoras (Interplay Producións e Concello de
Carballo), até 16 webseries de todo o mundo competirán na
sección oficial. O certame celebrarase os días 28, 29, 30 de abril
e 1 de maio na capital da Costa da Morte e repartirá 5.800 euros en
premios. A organización do festival escolleu, entre as propostas
chegadas de todo o mundo, un total de 3 series galegas e en galego, 1
do resto do Estado e 12 do resto do mundo.
Entre
as series web internacionais que se poderán ver na sección oficial
do Carballo Interplay hai propostas de Bélxica, Australia, República
Checa, Moldavia, Arxentina, Chile, Rusia, Canadá ou Brasil. A
maioría dos produtos son en galego (3), español (3) e inglés (3),
pero tamén se escoitarán historias en xaponés, ruso e checo.
Ademais,
concederase novamente o premio ao mellor proxecto de serie web en
galego, para o cal este ano chegaron 12 candidatas, un número
superior ao de outras edicións que “consolida ao Carballo
Interplay como epicentro de creación audiovisual galega e reflicte o
interese de crear por parte das novas xeracións”, explican dende a
organización. Algunhas das series que gañaron outras edicións son
Mentres non chova (2022), Pringadas (2021) ou Cacola
(2020).
Sección
oficial
Nesta
edición recibíronse en torno a 200 webseries, das cales
foron seleccionadas 16. As finalistas divídense en tres bloques
distintos en base á súa temática e os seus protagonistas.
O
primeiro destes tres é Movidas Humanas e nel atópanse cinco
series cuxas tramas van dende a vida de tres mozas universitarias en
Santiago de Compostela ata as historias da xente que rodea o Muiño
da Seca de Cambados, pasando pola frustración dun xornalista que se
especializa en sacar trapos sucios de influencers. Este bloque
conta coas series Chateau Laurier, Historias arredor da vida,
Motherhoodland, Off The Record e Pringadas.
O
segundo bloque leva como título Movidas antes dos 30 e
fálanos das principais preocupacións da xeración millennial
e Z. Algunhas das historias que se poden atopar neste bloque son a de
dúas irmás que se encontran de novo tras dez años separadas para
secuestrar ao seu pai, a dunha moza que intenta reconstruír unha
noite de bebedela a través das mensaxes que recibira en redes
sociais ou a dun instituto no que se leva a cabo un tiroteo. As
series deste bloque son Detention Adventure, Frangines, No, you’re
stupid!, TBH e Voice Memo.
O
último bloque é Movidas despois dos 30, que, tal e como
indica o seu nome, está pensado para un público máis adulto. Neste
bloque poderase ver entre outras series a historia dun psicólogo
australiano que ten que loitar cas dificultades do ser humano, a dun
mozo que se apunta aos Corpos de Paz estadounidenses para impresionar
á súa ex e a dun pai que pasa os últimos tres días coa súa filla
antes de separarse dela para sempre. Aquí poderanse ver as series A
arte de ser mal pai, Abracadavers, Fake live, It’s Fine, I’m
Fine, Lost in Moldova e Terapia de.
O
Carballo Interplay ofrecerá, como vén facendo cada ano dende o seu
nacemento, unha completa panorámica do que se está a cocer no mundo
das series a nivel global. “Atendendo a esta panorámica”,
explican dende a organización do CIP, “a comedia segue a ser a
fórmula preferida polas creadoras e os creadores dixitais para
contar as historias máis diversas”. Así, engaden, “dende o
humor máis ácido e pesimista sobre as relacións humanas ata a
comedia máis política, moitas buscan quitarlle algo de seriedade á
realidade”.
Sección
Golfa
Este
ano haberá un cuarto bloque chamado Series Golfas no que se
fará un repaso das 8 series máis túzaras proxectadas no Carballo
Interplay ao longo dos seus dez anos de historia. A diferencia do
resto, este bloque proxectarase no Casino 1889 de Carballo, para
“facer a experiencia máis amena e informal”. As series
seleccionadas para esta experiencia son as seguintes: Ventura
Time, Future Duck, Comaland, Orfanato Atroz, Niño Ratón, Pésame
Street, Lordson & Jesus e Querida Conchi.
Xurados
En
total daranse 5.800 euros en premios entre os cales están o premio a
mellor serie de 800 euros, mellor serie versión orixinal en galego,
tamén de 800 euros, mellor guión e mellor dirección, ambos de 200
euros. Estes premios decidiraos un xurado composto por
Culomala/Excomplice, artista dixital de 27 años que traballa sobre
os xogos incómodos que interfiren na lectura intrapersoal e
relacional, Burnin’ Percebes, creadores de series como Ventura
Time (2013), Searching for Meritxell (2014) e Ikea 2
(2016) e películas como La reina de los lagartos (2020),
e Alejandro Rodriguez, en nome da Asociación de Profesionais da
Dirección e a Realización de Galicia (CREA).
Ademais,
o público decidirá cos seus votos entre todas elas un premio de 400
euros e un xurado novo composto por César Rama, creador de contido
en galego, modelo, DJ e fotógrafo, Xacobe Bruña, bailarín,
fotógrafo, cineasta e actor na película As Neves, e Xulia
Lomba, xornalista no departamento de Extensión Audiovisual da CRTVG,
entregará outro premio de 400 euros.
Mellor
proxecto webserie en galego
Os
3.000 euros restantes recibiraos quen gañe o premio a mellor
proxecto de webserie en galego. A organización do CIP
salienta neste punto que este ano “a competición estará máis
rifada ca nunca”, dado que se presentaron 12 proxectos, dos cales
serán seleccionados catro para realizar un pitching
presencial que determinará quen recibe esa axuda económica e que
webserie será presentada na vindeira edición do festival.