Investigadoras do CITIC da Coruña realizarán en Miami un obradoiro internacional sobre Algoritmos Verdes

venres, 3 de maio do 2024 S. P.

Será do 18 ao 20 de decembro deste ano 2024 cando teña lugar a 23rd International Conference on Machine Learning and Applications, en Miami, á que acudirán varias investigadoras e investigadores do CITIC da Universidade da Coruña (UDC) para levar a cabo o obradoiro Algoritmos verdes: dar forma a un mundo sostíbel con innovación en IA, título do workshop que reunirá a especialistas de todo o mundo en Intelixencia Artificial (IA) no ámbito da sustentabilidade.
As e os investigadoras do CITIC responsábeis do dito obradoiro son: Verónica Bolón, Laura Morán, Brais Cancela e Amparo Alonso no marco da programación da Cátedra da UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes.
Indo aos algoritmos ecolóxicos (ou verdes), dicir que se caracterizan por ser capaces de optimizar a eficiencia enerxética e minimizar a pegada ambiental dos modelos de IA. Estes algoritmos teñen como obxectivo facilitar a utilización da tecnoloxía para abordar diversos desafíos ambientais desde unha dobre categorización: por unha banda, algoritmos que melloran a sustentabilidade ambiental ao optimizar o uso de enerxía e ao mellorar a eficiencia das enerxías renovábeis; e, por outra, algoritmos enerxeticamente eficientes, cuxa finalidade é reducir o impacto ambiental das súas operacións.
Con este enfoque organízase o simposio internacional no que, dende agora e até o 31 de xullo, convidan a presentar artigos e relatorios sobre cuestións teóricas e prácticas relevantes no eido da IA sostíbel. As contribucións poden abordar aspectos, entre outros, como: examinar as implicacións éticas e sociais dos algoritmos verdes e a IA; o desenvolvemento de algoritmos enerxeticamente eficientes para adestramento e/ou inferencia; a investigación sobre enfoques de IA para técnicas sostíbeis de xestión e almacenamento de datos; explorar o uso de fontes de enerxía renovábeis para a IA; investigar métodos para reducir a pegada de carbono dos algoritmos de IA; estudar o impacto dos algoritmos verdes en diversas industrias e aplicacións; aplicacións de IA para lograr a sustentabilidade e combater o cambio climático; IA explicábel en algoritmos e aplicacións ecolóxicas para mellorar a transparencia e a rendición de contas ou ferramentas e estruturas para o consumo computacional de algoritmos.
Para máis información cómpre visitar a web da conferencia de Miami.

PUBLICIDADE