A Deputación de Ourense a CEO reforzan a súa colaboración en transformación dixital

venres, 3 de maio do 2024 S. P.

A Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense continúan a reforzar a súa cooperación activa iniciada hai anos e que permitiu desenvolver diversos programas a prol da creación e reforzo do emprego na provincial. Así, no salón de actos da CEO, os presidentes de ambas institucións, Luis Menor e Marisol Nóvoa, respectivamente, asinaron un convenio para desenvolver neste ano unha nova edición do Plan ReActiva Ourense, de fomento dixital do emprego e emprendemento.
Este convenio desenvolverase durante todo o ano a través dun total de 6 programas, con 108 horas de formación conxunta e 90 horas de mentoring e seguimento individualizado, sendo a previsión alcanzar os 90 participantes. Na sinatura do acordo, Menor salientou a importancia desta iniciativa, "moi acaída para captar na nosa provincial a persoas que teletraballan a distancia, os chamados nómades dixitais, que supoñen unha oportunidade para atraer e fixar poboación".
O Plan ReActiva Ourense consta de dúas vertentes: a de reactivación dixital do emprego e a do emprendento. Coa primeira, o que se pretende é formar aos participantes na adquisición de competencias dixitais que lle permitan mellorar a súa empregabilidade na súa contorna máis sustentábel. Realizarase a través de 4 programas dirixidos a unha media de 10-15 participantes, por programa, polo que o total de participantes podería alcanzar as 60 en toda a provincia.
A segunda artéllase en torno ao asesoramento para o autoemprego e emprendemento dirixido a impulsar a creación de emprego e a mellorar as posibilidades de acceso a un emprego digno, por conta allea ou propia, ao mantemento e mellora da súa empregabilidade e competitividade, ao fomento do espírito empresarial, a través da transformación dixital das persoas en busca de emprego por conta allea e emprendedoras. Desenvolverase a través de 2 programas, cunha media de 10-15 participantes por cada un, polo que podería alcanzar as 30 persoas en toda a provincia.

PUBLICIDADE