O rol da IA para mellorar a calidade asistencial, a debate nun seminario no CITIC

venres, 19 de abril do 2024 Redacción

O CITIC da UDC acolleu hoxe a segunda xornada do XXXIX seminario da Asociación de Profesores de Radioloxía e Medicina Física (APURF), que reúne preto de 30 docentes para tratar temas relacionados coa radioloxía, radioterapia, a medicina nuclear e a física médica.
No acto de apertura deste evento, no que participaron o novo conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez; o reitor da UDC, Ricardo Cao, que presidiu o acto; o director do CITIC, Manuel Penedo; o presidente da APURF, Francisco Sendra; e o organizador local da edición deste ano e subdirector do CITIC, Javier Pereira; o reitor declarou que “é unha verdadeira honra representar á nosa institución como sede deste seminario, 17 anos despois desde a última ocasión”, un tempo “no que temos experimentado cambios significativos como a creación deste centro TIC, que conta coa valiosa aportación do profesorado da Facultade de Informática e no que convén salientar a importancia do talento feminino”. Ricardo Cao destacou tamén a importante colaboración no ámbito da IA e a radioloxía, “unha asociación frutífera durante moito tempo e que agora se ve potenciada por ferramentas innovadoras que están revolucionando o diagnóstico, o cribado e a resposta rápida”.
Na mesma liña, o director do CITIC, Manuel Penedo resaltou que “o noso centro desempeña un papel esencial na mellora da atención médica mediante o desenvolvemento de modelos preditivos ou a optimización de tratamentos personalizados”, xa que, tal e como lembrou “estamos asistindo a unha auténtica revolución en todo o proceso asistencial, provocado en grande medida pola irrupción dos novos modelos de IA. Estes modelos estanse a converter nunha ferramenta fundamental coa que, mediante os traballos desenvolvidos no noso centro, podemos contribuír dende a elaboración de informes ata a interpretación da imaxe médica”.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, expresou a súa felicidade polo seu debut no cargo rodeado dos seus colegas e destacou que “a medicina será a primeira área en beneficiarse das vantaxes da intelixencia artificial, xa que optimizará os fluxos de traballo e permitirá avances significativos en diagnósticos temperáns”. Antonio Gómez afirmou que “o obxectivo principal da Consellería é lograr unha transformación dixital que reflicta os valores galegos: accesibilidade, flexibilidade, equidade e eficacia” e engadiu que “se busca que a intelixencia artificial sexa útil tanto para os pacientes como para aquelas persoas que se encargan do seu coidado”. Para rematar a súa intervención, o máximo responsable do Sergas remarcou que a aposta do seu departamento polo uso intensivo da intelixencia artificial é clara.

Desde a predición na resposta a emerxencias ao diagnóstico por imaxe

O CITIC da UDC, como centro de investigación de referencia, é recoñecido pola excelencia no coñecemento xerado no ámbito TIC e de transferencia tecnolóxica á sociedade. Concretamente, a IA ocupa máis da metade dos proxectos nos que se está traballando dende o centro en distintos ámbitos, como é a aplicación da Intelixencia Artificial para mellorar a predición e a resposta a emerxencias transfronteirizas. Así mesmo, no CITIC estanse a desenvolver novas técnicas de identificación forense, de interpretación da imaxe médica, e dirixidas a unha maior definición da imaxe da mamografía do cribado, así como de sistemas de axuda para a toma de decisións participativas para xestores de hospitais e pacientes ante situacións de crises, entre outros proxectos.
Precisamente, o subdirector xeral de Sistemas e TIC da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón, foi o encargado de falar da Intelixencia Artificial no sistema público de saúde, na primeira das exposicións que tiveron lugar ao longo da xornada.
Os asistentes tiveron tamén a oportunidade de coñecer os resultados do II Congreso Nacional de estudantes de Radioloxía e Medicina Física (APURF) así como de escoitar un total de seis presentacións libres, nas que se abordaron distintas experiencias en investigación e docencia nestas áreas como a situación actual da docencia en oncoloxía radioterapéutica nas facultades de Medicina españolas ou actualización de contidos na área de radioloxía. Os asistentes coñeceron o proxecto CineM3D: Visualización médica 3D avanzada mediante o emprego da realidade virtual, desenvolvido desde o CITIC polo investigador Ramón y Cajal José Antonio Iglesias Guitián, co que os asistentes experimentaron a capacidade dos entornos inmersivos con gafas de realidade virtual para ter unha nova perspectiva das estruturas humanas desde estudos de imaxe médica.

PUBLICIDADE