19 estudantes de carreiras non tecnolóxicas acceden ás bolsas DigiTalent para realizar prácticas en empresas TIC

luns, 5 de outubro do 2020 Redacción

A AMTEGA vén a de celebrar a comisión avaliadora para a selección dos admitidos na convocatoria de bolsas para a realización de prácticas formativas en empresas do sector TIC (Bolsas DigiTalent) dirixidas a estudantes do Sistema universitario de Galicia, e que neste momento xa se atopan en escolla de empresa adherida ó programa para a realización das prácticas.
Son en total 19 estudantes, que cumpren os requisitos de ser menores de 31 anos e estar matriculados en carreiras de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura de calquera das tres universidades galegas e que teñan máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados.
Está previsto que, tras publicar a resolución definitiva estes bolseiros comecen o período de prácticas a primeiros de novembro nunha vintena de empresas do sector tecnolóxico por un período de 3 meses. Contarán cun plan de formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC, as bolsas teñen unha duración de 20 horas semanais e son remuneradas.

Entidades colaboradoras do programa

O primeiro paso desta iniciativa foi a convocatoria para que as empresas tecnolóxicas presentasen as súas solicitudes de adhesión ao programa así como as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións dos bolseiros en función das necesidades que presenten.
As 21 entidades colaboradoras seleccionadas teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras. A listaxe completa de entidades que participan no programa está dispoñible na páxina web do programa.

PUBLICIDADE