Entregados os premios Sarmiento e REC.curta coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua

venres, 3 de maio do 2024 S. P.

O Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) de Santiago acolleu hoxe a gala de entrega dos XX Premios Literarios Frei Martín Sarmiento deste curso así como dos correspondentes ao certame de contidos audiovisuais REC.curta, organizados por Escolas Católicas coa colaboración da Secretaría Xeral de Lingua. Na cita participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García.
A regueifeira Lupe Blanco conduciu a gala, que foi inaugurada por Valentín García, acompañado por María Teresa Iglesias, presidenta de Escolas Católicas. O salón de actos acolleu máis dun cento de persoas entre o alumnado, os autoras e autores recoñecidos como obras gañadoras desta vixésima edicións dos Sarmiento e os seus editores.
Na súa intervención na entrega de premios, Valentín García puxo en valor estes galardóns por “estimular a creatividade en lingua galega en diversas xeracións e a través de diversos medios”.
Premios Sarmiento
Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías.
Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora.
Na segunda categoría establecida para alumnado de 3º e 4º de primaria, distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan, publicada por Edicións do Cumio. E na categoría de 5º e 6º, premiouse a Sálice e Sándalo, de Antela editorial.
Nos premios para o 1º e 2º de ESO está Cituta para dous, de Xerais e na de 3º e 4ª de ESO distinguiuse o labor de tradución de Un feiticeiro de terramar traducido por Tomás G. Ahola e editado por Boadicea editora.
Na categoría de Bacharelato e adultos, premiouse A saga das curandeiras, de Marisa Castro, publicado por Hércules de ediciones.
Certame REC.curta
Un total de 16 curtas foron as candidatas aos recoñecementos do audiovisual, nos que optaron alumnos e alumnas que teñen entre 12 e 17 anos de idade.
As curtametraxes recoñecidas como mellores curtas e as que destacan polo mellor uso da lingua irán ao Festival de Cans onde asistirán a distintas actividades e onde, ademais, poderán ver proxectados os seus filmes.
Na primeira categoría, de alumnado de 6º de Primaria, 1º, 2º e 3º de ESO gañou Compaña. Esta curtametraxe reivindica as nosas tradicións e xira ao redor da Santa Compaña. Foi elaborada por alumnado do Colexio Franciscanos de Lugo.
Na segunda categoría, na que participa alumnado de 4º de ESO, Bacharelato e FP, distinguiuse a Que é o que pasa cando te achegas, curtametraxe que correu a cargo de alumnado de FP básica do colexio Divino Maestro de Lugo. Nela reflíctese a importancia de valores, como a solidariedade, a empatía e a amizade.

PUBLICIDADE