Naomi Diz e Alejandro Fernández protagonizaron unha nova edición dos Almorzos TIC Talk do CITIC

xoves, 2 de maio do 2024 S. P.

Os investigadores Naomi Diz Rosales e Alejandro Fernández Camello protagonizaron este martes 30 de abril unha nova sesión dos Almorzos TIC Talk do CITIC, nos que se falou sobre Intelixencia Artificial e estatística.
Desafíos socioeconómicos e biomédicos en áreas pequenas foi o título da exposición que fixo Naomi Diz, na que abordou a obtención de estimacións precisas de indicadores de interese cando o tamaño das mostras nas áreas obxectivo é insuficiente. Segundo sinalou, o reto da estimación en áreas pequenas é importante á hora de abordar cuestións como a proporción de pobreza por provincia e sexo ou a ocupación de unidades de coidados intensivos en contextos pandémicos por área sanitaria e día. Engadiu que o complexo contexto socioeconómico e sanitario que se está a experimentar nos últimos anos, fai que as institucións requiran de información máis detallada para o seguimento das desigualdades, a implementación de medidas ou o reparto de fondos. De aí, a importancia da investigación de estimación de áreas pequenas exposta por Naomi Diz.
Pola súa banda, o investigador Alejandro Fernández Camello fixo unha Introdución á aprendizaxe reforzada, examinando os seus principios e como este se desenvolve en distintas contornas, diferenciando entre aprendizaxe reforzada e automática. Así mesmo, falou de exemplos concretos como Voyager, unha axente que usa ChatGPT para aprender a xogar en Minecraft e o AutoGPT, deseñado para automatizar tarefas en ordenadores usando o ChatGPT.
Os Almorzos TIC Talk teñen unha periodicidade mensual e buscan potenciar a transversalidade e promover posibles colaboracións e sinerxías entre o persoal investigador. 

PUBLICIDADE