Starlink ofrece conexións de 100 Mbps por 38 euros/mes

martes, 12 de marzo do 2024 Marcus Fernández

A compañía de SpaceX que ofrece servizo de acceso á Internet mediante satélites de baixa altura, Starlink, continúa a axustar prezos en España para chegar a máis usuarios, e tras reducir á metade o prezo do seu equipamento (o que fai que compense a súa adquisición en vez de pagar un aluguer mensual polo mesmo) e axustar os seus prezos até 49 euros/mes, sorprende agora cun novo plan, coñecido como básico, que ten un prezo mensual de 38 euros, converténdose claramente na oferta máis competitiva do mercado.
O plan estándar ofrece velocidades que normalmente permiten descargar a velocidades de entre 190 e 290 Mbps, mentres que o novo plan básico ofrecería velocidades de entre 50 e 100 Mbps, mantendo en ambos casos unha latencia de entre 26 e 33 milisegundos (mentres que as conexións de satélite como as que ofrece Hispasat teñen límite de transferencia e latencias de até 690 milisegundos, o que as fan inviables para usos como as comunicacións en tempo real).
O actual prezo do equipamento de Starlink é de 225 euros, aínda que quen prefira non realizar tal investimento pode optar por un aluguer a 10 euros/mes, o que segue a manter a tarifa mensual bastante contida, facilitando así que os usuarios que están en territorios aos que non chega a banda larga tradicional poidan establecerse sen quedar desconectados dos servizos en liña propios da sociedade actual.

PUBLICIDADE