A páxina web da Xunta de Galicia destaca pola súa accesibilidade

venres, 12 de abril do 2024 Redacción

O informe anual do Observatorio de Accesibilidade Web do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública destaca os avances de Castela e León, Madrid, Galicia e País Vasco en materia de accesibilidade na súa rede de portais institucionais. A Xunta acada a máxima puntuación, das rexistradas ata agora, tanto na súa web principal, como na sede electrónica e nos portais de emprego e educación.
Xunta.gal sitúase no segundo posto a nivel estatal e acada o máximo nivel de adecuación esixido pola normativa en materia de accesibilidade. O portal institucional da Xunta, que ronda os 25 millóns de visitas anuais, é a porta de entrada na rede á Administración autonómica. A sede electrónica ascende á sexta posición entre as 18 sedes analizadas polo Observatorio e consegue, tamén, o máximo nivel de adecuación.
A sede, que entrou en funcionamento en 2015, pechou o 2023 con máis de 1,4 millóns de trámites rexistrados.
O informe destaca, ademais, os portais de emprego e educación da Administración autonómica galega, que se sitúan no primeiro e segundo lugar das súas respectivas categorías.
O Observatorio de Accesibilidade Web realiza o seguimento e evolución en materia de accesibilidade dos sitios web e aplicacións das administracións públicas. A entidade pública elabora desde 2010 un informe anual, que permite coñecer a situación e os avances neste ámbito a nivel estatal, autonómico, local e doutras entidades públicas.

PUBLICIDADE