Adamo despregou fibra óptica en 43 concellos da provincia de Lugo durante 2023

martes, 30 de abril do 2024 S. P.

A operadora Adamo fixo este mes de abril un pequeno balance da súa actividade despregada na provincia de Lugo para dotar ao territorio de Internet ultrarrápida. Segundo fixo saber a empresa, xa foron tirados máis de 2.000 quilómetros de cable ao longo do ano pasado para proporcionar Internet de alta velocidade a 22.000 familias, sobre todo rurais. En termos de concellos, estariamos a falar de 43 municipios da provincia de de Lugo que xa contarían con fibra óptica de Adamo.
A operadora salienta no seu balance que no fornecemento desta tecnoloxía púxose o foco en zonas rurais, peor comunicadas e con maiores necesidades de conectividade.
Máis de 2.000 quilómetros de cable
Considerando que Lugo conta con 67 municipios, Adamo realizou operacións en dous de cada tres concellos da provincia só en 2023, os cales ben estrearon Internet ultrarrápida, ben viron ampliada unha rede preexistente. Para lograr ese medre, Adamo tivo que tirar máis de 2.000 quilómetros de fibra óptica vía subterránea, externa (protexida por tubos) ou unindo postes (despregadura aérea).
Adamo, cos núcleos pequenos
No balance a operadora lembra que unha gran parte da vasta rede da empresa sitúase en cidades medianas e pequenas, en zonas apartadas e mesmo en áreas despoboadas. “Trátase, nalgúns casos, de localidades afectadas polo temido fenómeno do despoboamento”, sinala a compañía, engadindo que este interese por “non deixar a ninguén atrás” traduciuse no seguinte fito: “Xa estamos posicionados como a operadora especializada no ámbito rural de Lugo”.
Internet coma en Madrid ou Barcelona
Adamo lembra que a conexión que proporciona (de ata 1.000 Mbps) permite realizar “con garantías” actividades que hoxe resultan habituais, coma o teletraballo, a educación online, as compras por Internet, as citas médicas telemáticas ou gozar de videoxogos, series e películas en remoto, entre outras tarefas”. Así, engaden, “os 1.000 Mbps que ofrecemos sitúanse como a fibra óptica máxima habitual que pode atoparse en calquera gran cidade, sendo posíbel conectarse a Internet á mesma velocidade en Barcelona, en Madrid... e en ducias de pobos lucenses”.
Ola, veciño!
Co obxectivo de dotar de conexión de calidade aos sitios máis apartados, Adamo dispón do servizo Ola, veciño! Trátase dun formulario que se pode encher na web da empresa e que permite avisar ao interesado en canto a fibra chegue ao seu fogar. Así mesmo, en Adamo.es cómpre picarmos en chamámoste para que un teleoperador da compañía se poña en contacto connosco, e tamén podemos marcar o número de teléfono 1600 para recibir información e/ou contratar produtos.

PUBLICIDADE