O Coworking Dixital Compostela achega en maio formación en LEGO Serious Play, Realidade Virtual e emprendemento

martes, 30 de abril do 2024 S. P.

O Coworking Dixital Compostela organiza este mes de maio unha completa serie de obradoiros de transformación de gran interese para as empresas. Inclúese no programa un curso sobre LEGO Serious Play, unha acción formativa sobre Realidade Virtual e Realidade Aumentada para potenciar o noso negocio e máis unha actividade colaborativa (bootcamp) de emprendemento.
Respecto do primeiro curso, Constrúe o teu modelo de negocio con LEGO Serious Play, desenvolverase o día 14 de maio de 2024, martes, a partir das 15.30 horas, na sede da Cámara de Santiago. Constará de catro horas de duración. Segundo explica o Coworking Dixital Compostela, LEGO Serious Play é unha metodoloxía de facilitación e co-creación que utiliza o xogo e a construción con bloques LEGO como ferramenta principal. Esta metodoloxía foi desenvolvida por LEGO Group e utilízase nunha variedade de contextos, incluíndo a toma de decisións empresariais, o desenvolvemento de equipos, a resolución de problemas e a creatividade. A través desta interesante ferramenta os participantes poderán desenvolver e visualizar de forma práctica as claves do seu proxecto, dado que a interacción manual e espacial apoian a co-creación de ideas innovadoras. Ademais, o longo do obradoiro e tomando como referencia esta ferramenta, desenvolverase un análise do proxecto e do modelo de negocio xerado.
A sesión será impartida por Pablo López, licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade da Coruña, ademais de contar co certificado en coaching individual e de equipos coa International Coach Community. Facilitador certificado en Metodoloxía LEGO Serious Play.
O seguinte curso, Explorando Novas Realidades: Realidade Virtual, Realidade Aumentada e Visión Artificial, celebrarase o mércores, 22 de maio a partir das 16.00 horas na sede da Cámara de Comercio e terá 2 horas de duración. Esta xornada está deseñada para introducir a persoas emprendedoras, autónomas e profesionais do mundo empresarial no apaixonante mundo das tecnoloxías inmersivas. Comezará cunha explicación do que son a Realidade Virtual (VR), a Realidade Aumentada (AR) e a Realidade Mixta (MR), abranguendo dende as súas definicións e usos, ata unha breve historia da súa evolución e as solucións de mercado máis destacadas. Ofrecerase unha experiencia práctica con gafas de VR, onde os asistentes poderán mergullarse en diferentes entornas como vídeos, visitas virtuais a museos, exploración de paisaxes e simulacións de experiencias médicas.
Marc Badosa Samsó, grao de Multimedia, Aplicacións e Videoxogos na Universidade de Vic e Mestrado en Intelixencia Artificial e en Visión por Computador, será o encargado de impartir os contidos. Actualmente traballa como investigador e docente en IA en proxectos de recoñecemento.
A maiores do 27 de maio ao 30 de maio celebrarase un Bootcamp de Emprendemento, en horario de 15:30 a 19:30 horas e en formato presencial, no Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio de Santiago. Terá 16 de horas de duración. As persoas participantes adquirirán coñecementos no deseño da idea, nas estratexias de produto baseadas na clientela obxectivo, na construción de produtos áxiles para lanzar ao mercado e nas distintas fórmulas de financiamento para a súa startup.
Xornada 1 (27 maio de 15:30 a 19:30 h): Da idea ao modelo de negocio dixital
Xornada 2 (28 maio de 15:30 a 19:30 h): Quen é o meu cliente dixital?
Xornada 3 (29 maio de 15:30 a 19:30 h): Constrúe o teu Produto Mínimo Viábel
Xornada 4 (30 maio de 15:30 a 19:30 h): Etapas e necesidades de financiamento da startup

PUBLICIDADE