2017 podería ser o ano no que Twitter pemita editar os chíos

venres, 30 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Dende os inicios de Twitter hai unha característica que os usuarios veñen demandando, a posibilidade de editar os seus chíos, e nos últimos meses dentro do sector tecnolóxico dicíase a xeito de broma que tal prestación remataría sendo posible grazas á mediación de Kim Kardashian, quen mandou un correo electrónico a Twitter hai ano e medio pedindo tal característica na plataforma social, para poder corrixir erratas sen ter que borrar e republicar un chío.
Pero se que o pedira unha celebridade con preto de 50 millóns de seareiros en Twitter non era dabondo, agora temos que un dos co fundadores da compañía, Jack Dorsey, preguntou que sería o que os usuarios queren que se mellore ou engada a Twitter en 2017, e a resposta foi masiva e unánime, ao que Dorsey respondeu que é a funcionalidade máis demandada dende sempre, pero que están a estudar como abordala, para principalmente permitir que simplemente poida utilizarse para corrixir rapidamente un erro, e non para cambios en calquera momento, que poderían ser moi problemáticos, xa que abrirían a porta a abusos (principalmente para difundir falsidades ou para deturpar conversas).
A conversa de Dorsey cos usuarios de Twitter non significa que a edición de chíos vaia poder realizarse de xeito inminente, pero dados os moitos cambios que está a experimentar a plataforma podemos entender que será posible en poucos meses, mentres que o segundo tema sobre o que Twitter recibe máis comentarios será bastante máis complicado que atopen unha solución efectiva, xa que trátase na loita contra o acoso, o que está a converterse nun xigantesco problema de imaxe para Twitter (que podería estar a dificultar que a compañía atope comprador).

PUBLICIDADE