GAIN e IGAPE achegan unha liña de axudas que apoia proxectos de I+D e investimento produtivo

mércores, 14 de febreiro do 2024 S. P.

A sede en Santiago da Axencia Galega de Innovación (GAIN) acolleu este mércores 14 unha xornada de presentación da nova liña de axudas Misións RIS3. Na xornada informativa, na que interviñeron a directora da axencia, Patricia Argerey, e a directora do IGAPE, Covadonga Toca, presentáronse as características desta nova liña de apoios conxunta das dúas entidades autonómicas, resolvéronse as dúbidas, expuxéronse dous casos de éxito de innovación en colaboración e puxéronse a disposición dos asistentes varios espazos para favorecer o networking.
Argerey salientou que a a través desta convocatoria dotada con 15 millóns de euros, perséguese apoiar por primeira vez proxectos que xuntan I+D, innovación e investimento produtivo transformadores e de impacto que contribúan ás misións de especialización intelixente. “Estas misións que constitúen un elemento innovador da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 21-27 (RIS3)”, dixo, “son metas concretas nun prazo de tempo determinado”.
Tamén dixo que para identificar as misións que se persegue acadar a través destes grandes proxectos realizouse un proceso participativo no que se recibiron máis de 500 achegas.
Pola súa banda, Covadonga Toca apuntou que desde o Igape financiarASE o investimento produtivo destas misións, completando un “círculo virtuoso” que permitirá chegar da innovación ao mercado. Neste contexto, engadiu, “refórzase a política de fomento do financiamento da innovación pondo en relación o acceso aos recursos financeiros para innovar e a dimensión da empresa; facilitando o financiamento da innovación empresarial para as empresas galegas; e recollendo unhas medidas cuxa posta en marcha garante o éxito dos proxectos, consolidando as fortalezas do financiamento como elemento impulsor da innovación en Galicia”.
Características dos proxectos
Os proxectos que se apoiarán teñen que ser en cooperación a través de consorcios formados por polo menos 3 empresas (1 tractora e 2 pemes) e calquera outro tipo de beneficiarios: centros tecnolóxicos e de apoio á innovación; universidades, organismos e centros públicos de investigación; institucións sanitarias que desenvolvan actividades de I+D+i; entidades sen ánimo de lucro relacionadas coa I+D+i e agrupacións ou asociacións empresariais que realicen actuacións de I+D+i.
O orzamento mínimo dos proxectos debe ser de 600.000 euros e o máximo de 5 millóns de euros, cunha intensidade da axuda que pode acadar o 60% en función do tamaño da empresa e do tipo de actividades a desenvolver (investigación industrial, desenvolvemento experimental, innovación ou investimento produtivo). A duración dos proxectos debe ser de entre 2 e 3 anos e medio.
As tres misións identificadas ás que deben responder estes proxectos, son: contribuír á mitigación e adaptación ao cambio climático do sector primario en Galicia a partir da redución da súa pegada nun 10% en 2030 mediante a circularidade e a simbiose entre actuacións, así como a rexeneración dos ecosistemas; contribuír á redución do 57% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto a 1990 para 2030 incrementando a reutilización das materias primas, produtos e materiais xa presentes no ciclo produtivo; e contribuír a incrementar os anos de vida saudábel de 84 a 88 para 2030 mediante a redución de enfermidades ou problemas de enfermidades non transmisíbeis e a mellora da calidade de vida.

PUBLICIDADE