Altia celebra os seus 30 anos de actividade tecnolóxica

luns, 29 de abril do 2024 S. P.

A tecnolóxica Altia atópase estes días celebrando os seus 30 anos anos de actividade, tres décadas de traballo que a xuízo da empresa galega con sede principal en Oleiros e presidida por Constantino Fernández foi un período no que “todo cambiou pero no que á vez non cambiou nada”, xa que, indican, “seguimos sendo un grupo de persoas unido, con capacidade e ganas de impulsar a dixitalización dos nosos clientes e que dá todo no día a día”.
A orixe
No seu balance de actividade destas tres décadas, Altia lembra que a súa orixe cómpre rastrexala en 1994 nunha oficina con 3 persoas, impulsada por tres compañeiros que decidiron poñer en marcha un proxecto empresarial no mundo dos servizos e da consultoría TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
25 localizacións de 9 países
Anos máis tarde, en 2019, a empresa conseguiu 14 localizacións nas que máis de 1.000 profesionais traballaban en proxectos para 500 clientes. “Hoxe podemos dicir que Altia está presente en máis de 25 localizacións de 9 países, nas que máis de 3.500 profesionais que aplican a súa visión innovadora da tecnoloxía a proxectos relevantes para organizacións que son motores do cambio en todo o mundo”, sinalan fontes da empresa.
Incorporacións e fitos
No capítulo de fitos, a compañía destaca a actividade de Altia Noesis, “con quen estendemos o noso ámbito territorial ao país veciño e ampliabamos o noso catálogo de solucións, mellorando a nosa proxección internacional”, ou de Wairbut, con que “sumamos a súa gran experiencia no sector público, especialmente en áreas como defensa, interior ou sanidade; traendo consigo interesantes sinerxías para a dixitalización dos nosos clientes e, sobre todo, un equipo de 170 persoas altamente cualificadas”. Tamén pon en valor a experiencia de Bilbomática, con quen “elevamos o noso posicionamento como partner clave”.

PUBLICIDADE