A UDC e o Concello da Coruña festexan este sábado o Día da Ciencia na Rúa

venres, 3 de maio do 2024 S. P.

Mañá, sábado 3 de maio, celébrase o Día da Ciencia na Rúa, unha festividade organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) a través dos seus museos científicos, e que terá lugar no coruñés parque de Santa Margarita en horario de 11 a 19 horas.
Son varios os centros e servizos da UDC que contarán cun espazo no evento, os cales organizarán múltiples actividades. Na Universidade Sénior da UDC, as docentes Araceli Serantes e Cristina Naya, vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, participarán coas actividades que traballaron co alumnado durante o curso. Asemade, a Oficina de Medio Ambiente, explicará os procesos para a elaboración de compost e microscopios e achegaranse pequenos retos matemáticos para dar a coñecer persoeiros a través de xogos, puzzles e recursos de matemaxia.
Dende a Cátedra Emalcsa-UDC organizarase unha serie de actividades que teñen como principal obxectivo presentar de maneira didáctica os diferentes usos da auga para a produción de enerxía, tales como unha nora hidráulica, unha máquina de vapor, ou o proceso de electrólise e presentarase o proxecto COAWA.
En canto á asociación de estudantes Iniciativas Culturais e Deportivas Universitarias (INCUDE), levará xogos de taboleiro e lóxica sinxelos (como tángram, crebacabezas de madeira, catro en raia, etc.) para que a xente se achegue a xogar durante todo o día.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC), disporá na rúa unha ampla axenda de actividades adaptadas para persoas con discapacidade: obradoiros de circuítos e luz, xogo personalizado, adaptación para a xeración de imaxes con IA, coches robot con volante adaptado, modelado de personaxes 3D, xogos de realidade virtual, Nintendo Switch adaptada, piano musical, etc.
O Grupo de Divulgación Científica e Innovación Docente UDCiencia d+i participará cunha serie de obradoiros sobre o ollo humano, os cromosomas de Hansi, enerxías renovábeis e educación ambiental.
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canles e Portos proporá diversos experimentos para amosar o mundo da enxeñaría civil, explicando como funcionan as estruturas de formigón, como se deseñan as celosías nas pontes, os arcos de dovelas ou os ferrocarrís.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC (CICA) levará obradoiros de biomedicina, nanociencia e sostibilidade, nos que os máis pequenos poderán mudar de cor compostos químicos, probar algas mariñas, deseñar as súas propias bacterias, ou mesmo extraer o ADN dun plátano, entre outras actividades.
A Facultade de Ciencias achegará así obradoiros sobre biomoléculas, especies invasoras, microplásticos e calidade do aire.
En resumo, serán 9 carpas da UDC, das 62 que estarán coas que contará o Día da Ciencia na Rúa e que estarán repartidas polo parque con centos de actividades ao alcance de todos os públicos. Ademais, tamén haberá xornada de portas abertas nos museos científicos coruñeses (Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae).

PUBLICIDADE